Eric Schmidt asegura que o Android 4.0 sairá entre outubro e novembro

mércores, 7 de setembro do 2011 Marcus Fernández

O máximo responsable de Google, Eric Schmidt, durante a súa participación no evento Dreamforce, dirixido a profesionais do cloud computing, e respondendo a preguntas de Marc Benioff de Salesforce.com, asegurou que o sistema operativo Android 4.0, coñecido popularmente como Ice Cream Sandwich, verá a luz entre os meses de outubro e novembro, de xeito que antes de rematar o ano podería comezar a nova xeración de móbiles co sistema operativo de Google, que utilizarían como referente un hipotético Nexus Prime fabricado por Samsung e que prometen sorprender.
Polo momento as informacións sobre o Android 4.0 e os móbiles que o soportarán non deixan de ser rumores, pero o feito de que Schmidt dea datas de lanzamento permítenos esperar unha revolución móbil antes de rematar o ano, xa que o iOS 5 de Apple e o Android 4.0 terán lanzamentos moi parellos, e esta competencia pode resultar moi positiva para os consumidores.


Intervención de Eric Schmidt durante o Dreamforce que tivo lugar en San Francisco