Durante a corentena non será posible facer portabilidades telefónicas

mércores, 18 de marzo do 2020 Marcus Fernández

O Boletín Oficial do Estado recolle hoxe o Real Decreto-lei 8/2020 con novas medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 que no seu artigo 20 indica a suspensión das portabilidades de numeración fixa e móbil que non estean en curso (excepto para casos de forza maior) durante o estado de alarma, evitando así que os provedores de telecomunicacións fagan campañas comerciais extraordinarias de contratación de servizos, á vez que tamén buscan reducir así a necesidade dos usuarios a desprazarse a centros de atención presencial a clientes (como para ter que recoller tarxetas SIM) ou de realizar intervencións físicas nos domicilios dos clientes, buscando así propiciar a continuidade dos servizos.
Basicamente están a adoptarse medidas por parte de todos os operadores de telecomunicacións para reducir os riscos de infección do seu persoal, para que as tan necesarias comunicacións poidan manterse nesta situación de crise. Neste momento unha das prioridades das compañías é manter a calidade do servizo e solucionar avarías, aínda que tamén sinalan que polo momento non existen limitacións para a realización de altas (entendéndose que poden ser moi necesarias nun momento no que os usuarios que até o momento tiñan dabondo cunha liña móbil vexan precisa a instalación de banda larga fixa no fogar para, por exemplo, poder teletraballar).

PUBLICIDADE