Conecta Fiction xunta este mes 350 profesionais do sector do audiovisual e dos contidos dixitais

luns, 12 de xuño do 2017 Redacción

Conecta Fiction, o encontro galego adicado á co-produción de ficción audiovisual (series, miniseries e webseries) vai contar coa na súa primeira entrega (os días 20, 21, 22 e 23 de xuño) coa presenza de 350 profesionais do sector dos contidos audiovisuais e dixitais de 20 países, entre os que se contan directivos de cadeas e plataformas, produtoras, distribuidoras, empresas investidoras, amais de creadores e guionistas. Segundo nos conta a organización do evento (Xunta, ICEX España e Fundación SGAE, baixo a produción de Inside Content), xuntaranse no Gaiás profesionais de ámbalas beiras do Atlántico representando a empresas (produtoras, cadeas, plataformas dixitais de distribución, operadoras) como Arte, Atresmedia, Fox Networks Group, France Televisión, HBO, Mediaset, Movistar+, Netflix, RTVE, RTP de Portugal, Sony Pictures TV, Telemundo, Televisa, Televisión Nacional de Chile, Turner Latin America, TV Azteca e Univisión, entre moitas outras.
Esta primeira edición do evento, que desenvolverá o seu programa diúrno na Cidade da Cultura de Galicia e o nocturno, noutros espazos de Compostela, foi presentada hoxe polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, nun acto no que tamén interviñeron o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; o director da AGADIC, Jacobo Sutil; o director da Zona Noroeste da SGAE, Juan Carlos Fenández Fasero; o presidente do Clúster Audiovisual Galego, Jorge Algora, e a a directora do encontro, Geraldine Gonard. Asistiron, así mesmo, representantes do resto das entidades colaboradoras, así como do sector audiovisual galego.
Conecta Fiction arrancará o martes 20, ás 20,00 horas, no Auditorio de Galicia cun concerto especial da Real Filharmonía de Galicia, baixo a batuta de Geoffrey Styles, no que soarán as bandas sonoras de series tan coñecidas como Game of Thrones, Isabel, Allí abajo ou Sé quien eres, e entre as que se inclúen composicións de autoría galega como El final del camino, de Manuel Riveiro; Seis hermanas, de Sergio Moure; e Vidago Palace, de Xavi Font.
O programa de Conecta Fiction abrangue dúas ducias de encontros con profesionais de referencia no eido internacional para abordar as oportunidades e os retos da coprodución internacional de series a través de 15 paneis e mesas redondas, seis obradoiros e casos de estudo, sesións sobre financiamento e incentivos fiscais, brandend content e unha demostración en directo da tecnoloxía máis avanzada para captar e mellorar a audiencia.
A organización, segundo se fixo saber na rolda de prensa de hoxe, tamén busca garantir aos participantes a oportunidade de facer contactos e fixar reunións a través da Caixa de Ficción, nome co que se bautizou tanto a plataforma en liña destinada a xestionar a axenda dos inscritos, como a zona de reunións individuais e personalizadas que se habilitará na Cidade da Cultura.
O programa complétase con cinco sesións de proxeccións de series, con varias primicias europeas, que busca “poñer en valor a calidade e o atractivo das producións realizadas a ambas as beiras do Atlántico e no que terá un especial protagonista Arxentina, como país de honor de Conecta Fiction”.