CINFO amosa na Feira IBC de Amsterdam as súas avanzadas solucións de vídeo na nube
martes, 6 de setembro do 2016
Entre
os vindeiros 9 e 13 de setembro, a firma CINFO, filial de R (o
operador de telecomunicacións de raizame galega), estará presente
por segundo ano consecutivo na súa caseta da Feira
IBC, a gran cita das novas tecnoloxías de Amsterdam, para
amosar os seus produtos máis destacados en materia de xeración de
vídeo na nube en tempo real e metadatos. Segundo informa CINFO
dende a súa sede da Coruña (Edificio CITIC), a Feira IBC é a
xuntanza máis importante de Europa adicada ás novas tecnoloxías
aplicadas á televisión e as comunicacións.
Polo
que respecta aos produtos que CINFO ten proxectado debullar ante o
público do evento, céntranse para comezar en solucións para a
xeración de vídeo en tempo real en servidores aloxados na nube,
unha práctica que segundo a empresa galega permite “achegar valor
ás plataformas de TV ofrecendo varios servizos, como por exemplo as
emisións multicámara ou a construción de mosaicos de canles con
custos axustados e con gran facilidade para escalar o número de
usuarios”. Precisamente unha das tecnoloxías que estará
dispoñible para demostracións na caseta de CINFO será a súa
tecnoloxía multicámara, un sistema “que foi avaliado
positivamente por unha chea de clientes e titulares de dereitos de
vídeo” e que, en palabras da firma da Coruña, “ofrece unha
experiencia de emisión en multiperspectiva que é consistente en
distintas plataformas, incluíndo tabletas, smartphones,
computadoras persoais e descodificadores de cable, IPTV ou HbbTV”.
Outros
produtos de CINFO, coma o xerador de mosaicos para TV, poderanse
probar tamén no IBC, con novas opcións coma o funcionamento
mellorado para múltiples saídas 4K e interfaces simplificadas con
cabeceiras existentes.
Tamén
se poderán ver os sistemas de fogar dixital para MSO, integrados co
ecosistema televisivo. Ou, igualmente, as solucións de metadatos de
produtos audiovisuais, uns recursos que achegan aos usuarios de
televisión información de valor (básica ou estendida) sobre os
eventos en emisión e os que están por vir. Segundo informa CINFO,
“a extensión dos servizos de televisión, facendo que os
espectadores poidan decidir o momento e o formato no que gozar dos
contidos non fixeron máis que incrementar a importancia deste tipo
de información para as distintas plataformas de TV”. De feito,
engade a empresa galega, as ofertas de Vídeo on Demand (Vídeo
Baixo Demanda), televisión a través de Internet (Over The Top),
sistemas de gravación personalizados, etc, “requiren dunha
información máis espallada e rica para decidir o consumo dun
produto, tanto de ficción (filmes, series) coma doutro tipo
(concursos, deportes, etc)”. É aí onde entran en xogo as súas
solucións de metadatos de CINFO.
