CIE amosa este venres en Ourense os seus servizos tecnolóxicos para consumirmos menos enerxía

mércores, 22 de xaneiro do 2014 Redacción

CIE Tecnoloxías, empresa con sede en Arteixo (A Coruña) da que temos falado con motivo da súa participación en demostracións de tecnoloxías de seu para acadarmos máis eficiencia enerxética, demostracións celebradas no CNTG de Santiago, anunciou esta semana que vai impartir este venres 24 unha nova sesión de achegamento a recursos que favorecen a redución do consumo enerxético. A cita é en Ourense e desenvolverase a xeito de xornada empresarial. Un dos puntos fortes do encontro reside no seu potencial como solucionador de certas dúbidas e baleiros de coñecemento. Por exemplo: é posible gastar menos en enerxía, seguir producindo o mesmo (ou incluso máis) e reducir custes? A xuízo dos responsables de CIE, si que é posible.
Segundo nos contan, o gasto enerxético é unha das partidas que máis preocupa nestes últimos anos nos contornos empresariais polo que “resulta de vital importancia que tanto directivos coma financeiros saiban como ser mais eficientes e coñezan as opcións que poden implantarse na empresa”. Achegar luz sobre isto é o obxectivo da xornada que se imparte na aula de formación da Cámara de Comercio de Ourense.
Lembrar que CIE é unha empresa galega que conta cunha longa traxectoria de vinte anos achegando recursos tecnoloxías ao eido das comunicacións. Un dos seus principais servizos son os sistemas de xestión telemática que, implantados pola propia firma galega, fan máis sinxela a localización dos consumos residuais. Para CIE, estes sistemas tecnolóxicos de eficacia “estanse a converter en ferramentas indispensables para as empresas, sobre todo cando xa se albisca unha nova quebra do sistema eléctrico español, que amorea un déficit de 28.000 millóns de euros”.
Entre os asistentes á xornada de Ourense están confirmados representantes das empresas e institucións como Ignacio de las Cuevas S.A., Talleres Craf, Anpian ou Mecanizados Rodríguez Fernández. A cita –a desenvolver entre as 10.00 e as 13.00 horas- terá unha orientación práctica e iniciará cunha visión xeral sobre a situación do mercado eléctrico español e os cambios recentes no sistema de tarifas. A sesión correrá a cargo do director comercial de CIE, Ángel Santín.