ByGalicia: un portal para abrirlles ós empresarios galegos o vieiro do internacional

mércores, 18 de xullo do 2007 Raquel Noya

Hoxe en día, as empresas con vistas a espallar o seu negocio no estranxeiro non se limitan só a vender os seus produtos no exterior, senón que se implantan noutros países con investimentos directos en compras, ou ben mediante proxectos novos de instalación. Por desgraza, esta presenza física no extranxeiro só está ó alcance da man dun cantos “privilexiados” que poden permitirse este tipo de investimentos, mais para a gran maioría dos empresarios galegos a única porta aberta para facerse ver no extranxeiro é Internet, e (para iso) non todos coñecen os beneficios deste servizo.
Coa finalidade de incrementar a presenza das empresas galegas no exterior e mellorar as relacións cos empresarios de fóra, a Consellería de Innovación e Industria vén de presentar o portal web www.bygalicia.eu, unha ferramenta que lle dá pulo á internacionalización e ao posicionamento de Galiza no mercado global e que vai encamiñada a axudar ós pequenos e medianos empresarios a facerse un óco no duro mercado internacional.
Segundo as verbas do consellerio, Fernando Blanco, esta web “constitúe o inicio de toda unha liña de acción dedicada a situar as empresas galegas no mundo global” e, ademais de achegarlles servizos ás nosas empresas en tódalas facetas da internacionalización, facilítalles ós investigadores internacionais o proceso de identificación de Galiza e a visualización das súas potencialidades.
Estamos pois perante un portal web que amais de servir de escaparate de cara ós investidores e clientes de fóra, permite axilizar as relacións empresariais do sector da nosa terra no comercio exterior, converténdose deste xeito -tal e como afirmou Blanco- nun “punto de encontro” para a consecución de negocios internacionais.
ByGalicia, ademais de achegar visibilidade a Galiza no exterior, dando conta da capacidade galega para concibir, deseñar e crear produtos de calidade, tamén vai incorporar paseniño información sobre localización foránea de materias primas de interese para as empresas galegas, así como doutras iniciativas e funcionalidades que sexan de utilidade no eido da internacionalización do comercio galego. Asemade, ByGalicia fornécelles ós empresarios estranxeiros de contactos e de información de máis de 70.000 empresas que poidan precisar para investir na nosa terra.
Ademais, está en tres idiomas e a intención da Consellería é actualizada decote.

PUBLICIDADE