Blu:sens anuncia o comezo da xira OT 2011
xoves, 12 de maio do 2011
A empresa tecnolóxica Blu:sens,
con sede principal en Santiago de Compostela, vén de dar comezo á xira dos
finalistas do programa Operación Triunfo 2011. Trátase dunha longa serie
itinerante de concertos nos que participarán os concursantes da Academia, incluíndo
Nahuel, gañador do programa da cadea Tele 5, que presentará en exclusiva o
primeiro single de álbum Mientras te vas, que vai estar
dispoñible nas tendas, a partir do 4 de xuño, nun dispositivo super compacto
MP4 de Blusens. Na devandita xira tamén interpretarán as súas cancións Niccó,
Roxxío, Naxxo, Josh o Ramil, cancións que o selo galego Blu:sens Music editará en liña.
O itinerario musical
arranca en Barcelona, Santiago (na Sala Capitol o domingo 15 de maio ás 20.30
horas) e Madrid. Segundo apunta Blu:sens, haberá unha boa cantidade de
sorpresas. De feito, os intérpretes de Operación Triunfo lanzaranse a
interpretar temas propios, cos que complementarán o repertorio habitual das
galas da dita cadea de TV, “algo non
usual e ata o de agora non visto nas xiras de anteriores edicións”, informa
o selo galego. Ademais disto, “haberá múltiples
sorpresas e apoio dun numeroso núcleo de artistas consagrados españois que
acudirán á presentación de Madrid”.
Polo que atinxe aos prezos
da entrada, serán acordes cos tempos que corren. De feito, oscilarán entre os
15 e os 18 euros, e aos concertos poderán acceder os menores de 16 anos,
acompañados polos seus pais ou titores legais. As entradas, informa Blu:sens,
estarán á venda en El Corte Inglés,
Ticketmaster, Atrápalo, Arteria
e Entradas.com.
