As SMS e as descargas, principais fontes de ingresos das operadoras en 2008

mércores, 18 de febreiro do 2009 Raquel Noya

Cada vez son máis os programas de televisión que solicitan o envío dunha SMS para participar nalgún tipo de concurso ou para descargar a canción de moda nos nosos móbiles. Poñer o nome da nosa parella na pantalla de inicio do teléfono, baixar un “escáner de persoas” para facerlle crer á xente que lle estás vendo ata o esqueleto, poñer de melodía o ruído dun peido ou descargar a un oso de peluche virtual que canta unha canción “de amor” máis farturenta que un bocadillo de polvoróns, son algunhas das “lindezas” que se poden comprar agora mesmo dende os nosos móbiles sen ter que movernos do asento, e que lle fixeron incrementar nun 50 por cento os ingresos das operadoras telefónicas no 2008.
Segundo vén de publicar a 2008 Global Wireless Industry Survey, unha enquisa realizada por PricewaterhouseCoopers, os ingresos por datos “impulsan o crecemento do negocio das principais operadoras móbiles de todo o mundo, e as SMS seguen a ser o produto estrela do mercado, aportando a meirande porcentaxe de ingresos dos servizos de datos”.
O estudo engade que outra “importante aposta” das principais operadoras de telefonía móbil son as conexións Wi-Fi, que xunto coas tarxetas de acceso sen fíos de banda larga, “xa se estenderon a aeroportos, hoteis, oficinas e ata cafetarías”.
Nembargantes, segundo vén de anunciar o xornal Elmundo.es, “non todo son boas novas” e a diminución dos investimentos como consecuencia da crise económica, xunto coas novas fontes de ingresos e a extensión de plataformas de nova xeración, “están incrementando os riscos de perda de ingresos das operadoras móbiles”.
A actual situación económica, engade, “impulsa ás operadoras móbiles a reducir os seus equipos de traballo e os gastos de capital”. Non vaia ser o demo e, no tanto de incrementar os beneficios nun 50 por cento, só obteñan un 35…!

PUBLICIDADE