Apple desvela as súas novidades en intelixencia artificial na WWDC

luns, 8 de xuño do 2026 Redacción

A WWDC26 foi a despedida en público de Tim Cook como máximo responsable de Apple

Apple presenta a vindeira xeración do seu software cun avance importante en intelixencia artificial, aínda que cunha aplicación desigual no territorio europeo. No marco da súa conferencia anual de desenvolvedores (WWDC26), mostráronse as futuras versións dos seus sistemas operativos, que incluirán a nova evolución de Apple Intelligence e Siri AI. Craig Federighi, vicepresidente sénior de Enxeñaría de Software de Apple, subliñou que a intención é potenciar os usuarios con novas ferramentas en todas as plataformas, ademais de ampliar os mecanismos de protección de menores e mellorar o rendemento xeral do ecosistema de produtos con iOS 27, iPadOS 27, macOS 27, watchOS 27, visionOS 27 e tvOS 27.
A nova arquitectura está concibida para protexer a privacidade e potenciar o asistente Siri AI, que se integra no iPhone, iPad, Mac, Apple Watch e Apple Vision Pro. Esta tecnoloxía permite realizar buscas personalizadas en mensaxes, correos ou fotos, executar tarefas complexas entre aplicacións e resolver dúbidas baseadas no contido da pantalla ou en información da web. A sincronización do historial realízase de xeito privado a través de iCloud. Apple Intelligence tamén engade funcións de edición de imaxes, navegación avanzada en Safari e creación creativa con Image Playground.
No tocante á xestión familiar, impleméntanse controis para administrar o contido, as comunicacións e os tempos de acceso dos menores. O asistente de configuración facilita a asignación de aplicacións por idade, mentres que as ferramentas de seguridade permiten supervisar contactos e activar filtros ante contidos explícitos. Os novos gráficos de Tempo de Uso foron redeseñados para ofrecer unha lectura máis rápida do consumo diario medio, con recomendacións baseadas en criterios clínicos para compaxinar o entretemento e o descanso.
O rendemento xeral do software tamén experimenta melloras notables. O fabricante sinala que a apertura de aplicacións no iPhone e no iPad acelérase ata un 30%, a carga de fotografías é ata un 70% máis rápida e o envío por AirDrop incrementa a súa velocidade nun 80%. A transición entre as redes de datos móbiles e a Wi-Fi gaña en estabilidade, e o acceso a unidades de almacenamento externo dende o iPad multiplica por cinco a súa velocidade. Visualmente, o deseño evoluciona coa opción Liquid Glass nas ferramentas de axuste (que permite regular a transparencia dende un nivel cristalino ata a opacidade total) e cunha revisión estética en macOS que recupera as barras de ferramentas uniformes e os elementos de cor nos laterais.
Entre outras novidades atópase o seguimento da perimenopausa e a menopausa na aplicación de saúde, a conversión de fotos panorámicas en contornos espaciais para o dispositivo de realidade mixta e a combinación de imaxes aéreas con intelixencia artificial na aplicación de mapas. Os AirPods Pro 3 tamén engaden novas opcións de ecualización e vinculación de datos biométricos.

Siri AI non chegará inicialmente ao dispositivos móbiles europeos

Craig Federighi foi o encargado de anunciar que este ano non teremos Siri AI nos iPhone en Europa

Malia estes avances, a introdución de Siri AI na Unión Europea estará limitada polo de agora. Debido ás esixencias de interoperabilidade da Lei de Mercados Digitais (DMA), este asistente non formará parte do lanzamento inicial de iOS 27 e iPadOS 27 no territorio comunitario. Federighi amosou a súa decepción ante o bloqueo das propostas de seguridade presentadas aos reguladores europeos, que incluían un sistema de intermediación denominado Trusted System Agent para protexer o acceso aos datos privados por parte de terceiros. Baixo a interpretación actual da normativa por parte da Comisión Europea, abrir estes sistemas de intelixencia a outros asistentes sen as proteccións do fabricante podería comprometer a integridade dos datos do usuario. En consecuencia, os usuarios europeos do iPhone e do iPad non disporán inicialmente de ferramentas de escritura integrada, intelixencia visual ou o novo modo de conversación, aínda que Siri AI si estará accesible na UE para as plataformas macOS 27, visionOS 27 e watchOS 27. En China, a despregadura tamén se pospón ata cumprir cos requisitos reguladores locais.
As versións de proba para desenvolvedores xa están dispoñibles e a fase beta pública abrirase o vindeiro mes, antes da súa distribución definitiva gratuíta prevista para o outono.
Os requisitos de hardware para as funcións de intelixencia artificial inclúen os modelos de iPhone 16 en adiante, os iPhone 15 Pro/Por Max, así como os iPads e Macs con procesador M1 ou posterior, aínda que para os modelos máis avanzados en local será preciso contar cun iPhone Air, un iPhone 17 Pro/Pro Max, un iPad (M4) ou posterior cun mínimo de 12 GB de memoria unificada ou un Mac (M3) ou posterior cun mínimo de 12 GB de memoria unificada. No caso de Apple Vision Pro tamén hai funcións que se limitan á versión con procesador M5.

Vídeo inaugural da WWDC26