Android Wear: o sistema operativo móbil de Google adaptado aos dispositivos para vestir

martes, 18 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Conscientes de que o estado actual de Android de cara aos emerxentes dispositivos conectados para levar enriba (eiva que demostrou Samsung ao saltar a Tizen na segunda xeración dos seus smartwatches) dende Google decidiron adaptar o seu sistema operativo móbil ás novas necesidades do mercado, o que os levou a presentar hoxe Android Wear, un proxecto que levará Android aos dispositivos wearables.
Esta nova plataforma de software achegará información de utilidade cando sexa máis precisa (achegando suxestións e notificacións de numerosas aplicacións para Android), responderá a ordes orais (responderá a preguntas a viva voz e incluso permitirá executar accións como mandar unha mensaxe de texto, programar unha alarma ou facer unha reserva nun restaurante), facilitará a monitorización da nosa actividade física e estado de saúde e converterase na chave dun mundo multi-pantalla (por exemplo, poderanse controlar outros dispositivos dende o pulso).
Dende hoxe mesmo os desenvolvedores poden acceder a unha versión preliminar das ferramentas de desenvolvemento de aplicacións para Android Wear, o que permitirá adaptar a aplicacións actuais para o sistema de notificacións deste novo sistema e tamén publicaranse moitos outros recursos para contribuír ao desenvolvemento de software que permita aproveitar as posibilidades dos novos produtos que están a chegar ao mercado, entre os que xa se desvelaron os novos smartwatches de Motorola e LG.


Vídeo de presentación de Android Wear


Presentación da versión preliminar do programa para o desenvolvemento para Android Wear

PUBLICIDADE