AMTEGA e o sector TIC avanzan no desenvolvemento da nova Axenda Dixital de Galicia

luns, 1 de decembro do 2014 Redacción

Esta mañá celebrouse no Gaiás, en Santiago, a presentación das principais liñas e desafíos da Axenda Dixital de Galicia para o período 2020. A cita contou coa presenza da directora de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), Mar Pereira, e dun bo número de representantes do noso sector tecnolóxico-dixital. Durante o transcurso do encontro, abordáronse de xeito conxunto os retos aos que nos enfrontamos ao longo dos cinco vindeiros anos en materia TIC. O obxectivo da cita, sinala AMTEGA, foi o de recadar ideas e reflexións de alto valor.
Ademais da reunión deste luns, a axencia enviará aos profesionais un formulario para canalizar as súas achegas que serán valoradas de cara á conformación final da Axenda Dixital de Galicia 2020. Esta xuntanza co sector tecnolóxico forma parte da campaña de elaboración da dita axenda, que se iniciou en xullo deste ano. A nova folla de ruta en materia tecnolóxica presentarase no primeiro trimestre de 2015 e estase a elaborar en base a “un modelo de intelixencia colectiva”, informa AMTEGA, “un modelo que se nutre das achegas das institucións públicas, dos axentes sociais e económicos e da sociedade galega oir enteiro”.
Mar Pereira fixo saber a este respecto que a vindeira Axenda Dixital “será unha Axenda de todos e para todos, orientada a asegurar que Galicia compite como referencia no eido dixital a nivel europeo”.
Lembrar que como parte desta campaña, o pasado 28 de xullo publicouse o blog.adg2020.es, a través do cal calquera persoa puido achegar ata hoxe as súas propostas aos desafíos, participar nos foros de discusión sobre os mesmos ou enviar as suxestións que considerase a través da conta adg2020@xunta.es.
Segundo fixo saber a Axencia que dirixe Mar Pereira, as actuacións da futura Axenda están en liña con cinco ámbitos establecidos na Estratexia Galega de Crecemento Dixital, aprobada a finais de 2013: “En primeiro lugar, acadar unha Administración Dixital innovadora, avanzando cara unha Administración das persoas, ubicua, con cero papel e cuns servizos públicos avanzados en ámbitos chave para a cidadanía”. Polo que atinxe á segunda área de actuación, búscase “incrementar a capacitación dixital das persoas, acadando a plena integración das TIC na práctica educativa e posibilitando a inclusión dixital de toda a cidadanía”. O terceiro punto consiste no pulo á economía dixital a través da implantación de infraestruturas e solucións tecnolóxicas nos diferentes sectores produtivos. O cuarto eido céntrase no afianzamento do sector TIC como estratéxico e en quinto lugar está o impulso ao despregamento de infraestruturas de telecomunicación modernas e sustentábeis.

PUBLICIDADE