A nanotecnoloxía e a creación de novos chips e baterías centran unhas xornadas da RAGC e a Deputación da Coruña

venres, 29 de maio do 2026 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, celebra a vindeira semana un ciclo de conferencias baixo o título Nanotecnoloxía ao servizo da sociedade: retos e solucións do presente e do futuro. As charlas desenvolveranse do 1 ao 4 de xuño, das 17:00 ás 20:30 horas en Santiago, A Coruña e Ferrol, e tamén poderán seguirse en directo a través da canle de YouTube da RAGC.
A primeira destas charlas será este luns día 1 en Santiago, no Instituto de Materiais (iMATUS) da Universidade de Santiago. Á súa presentación asistirá o presidente da Academia, Juan Lema; a directora do iMATUS, Carmen Álvarez; e os coordinadores do ciclo: José Rivas, académico da RAGC e investigador do iMATUS; e Rosa Menéndez, investigadora do CSIC.
Nesta xornada tratarase como a nanotecnoloxía estuda e manipula a materia a escala nanométrica e está estreitamente vencellada aos grandes desafíos globais actuais. “O seu impacto reflíctese no desenvolvemento de novos materiais e dispositivos con propiedades únicas, a mellora da eficiencia enerxética, a sustentabilidade ambiental, os avances biomédicos que permiten terapias máis precisas, e a transformación das tecnoloxías da información con dispositivos máis pequenos e potentes”, explican os coordinadores.
A xornada comezará coa intervención do catedrático José Rivas, que se centrará na importancia de “explorar o invisible para transformar o visibel”. Nesta liña, apunta que a nanociencia e a nanotecnoloxía estudan e manipulan a materia a escala nanométrica, onde os materiais presentan propiedades diferentes ás que teñen a escalas maiores, abrindo novas posibilidades de investigación e aplicación.
“A nanotecnoloxía permite crear estruturas, dispositivos e sistemas innovadores. Isto inclúe o desenvolvemento de nanomateriais con mellores propiedades (máis resistentes, lixeiros ou condutores) e a súa aplicación en eidos como a electrónica (chips máis pequenos e eficientes), a enerxía (baterías e paneis solares máis eficaces) e a medicina (liberación controlada de fármacos e diagnóstico precoz)”, adianta Rivas, apuntando que “a pesar do seu potencial, estas tecnoloxías tamén xeran desafíos éticos, riscos para a saúde e impacto ambiental, polo que requiren unha regulación e análise consciente que garanta un equilibrio entre innovación e seguridade”. Manifesta que “o estudo do moi pequeno amplía os límites da ciencia actual. A nanociencia e a nanotecnoloxía abren novas formas de entender e transformar o mundo e, sen dúbida, marcarán unha parte importante do desenvolvemento tecnolóxico, económico e social do século XXI”.
Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnología
No encontro participará tamén Clivia Sotomayor, directora xeral do Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnología (INL), con sede en Braga. É un centro de investigación intergobernamental, creado por Portugal e España en 2005.
Na actualidade céntrase nos campos da enerxía e medio ambiente, tecnoloxías da información e as comunicacións, e nas ciencias da vida. A súa directora pon de relevo que “o INL desfruta dunha forte afinidade con Galicia. Compartimos non só unha fronteira, senón tamén unha íntima relación lingüística e cultural, así como un ecosistema crecente de colaboración científica e de innovación”.
Propiedades enerxéticas excepcionais
Pola súa parte, Arturo López Quintela, académico da RAGC e catedrático da Universidade de Santiago, abordará a catálise como un piar da química moderna que evolucionou cara á nanoescala, onde non só cambia o tamaño, senón tamén a natureza do catalizador.
“Ao reducir as dimensións, aumenta a relación superficie-volume, expoñendo máis sitios activos e permitindo diminuír o uso de metais nobres como o platino sen perder eficiencia. Ademais, materiais non nobres poden adquirir propiedades enerxéticas excepcionais ao converterse en nanopartículas”, sinala, engadindo que “en conxunto, a evolución desde materiais macroscópicos ata sistemas atómicos demostra que reducir o tamaño non só modifica propiedades, senón que redefine as regras da química, abrindo novas oportunidades en catálise e enerxía respectuosa co medio natural”.