A comunicación dixital orientada ao cliente centra unha nova xornada da Cámara de Santiago

mércores, 6 de marzo do 2024 S. P.

A Cámara de Comercio de Santiago vai achegar este mes de marzo unha actividade formativa centrada en ofrecernos novos avances en transformación tecnolóxica. Trátase da xornada Comunicación dixital orientada ao cliente (Programa Kit Dixital), que se celebra o 13 de marzo en horario de 10.00 a 11.15 horas, en formato de seminario en liña. O curso incluirá a presentación da Oficina Acelera Peme (Red.es) da Cámara de Santiago e do Kit Dixital.
Os contidos inclúen aproximacións á dixitalización da comunicación, ás estratexias na comunicación dixital, ás ferramentas de comunicación externa, ás ferramentas de comunicación interna, aos medios (web, redes sociais, mercadotecnia por correo electrónico, CRM), aos recursos dos que podemos botar man para coordinar todas as plataformas e a como elaborar un plan de comunicación para que a nosa comunicación teña éxito.
O relator será Fernando Rodríguez de la Torre, director da Axencia de Publicidade con C de Comunicación, profesor no Mestrado de Marketing Dixital da USC e director de Briefinggalego.com, portal de referencia do sector do mercadotecnia e a publicidade en Galicia.
Esta xornada está organizada pola Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.
As Oficinas Acelera Peme para Kit Dixital postas en marcha por Red.es, entidade pública adscrita ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, coa colaboración de Cámara de España, teñen como obxectivo impulsar a transformación dixital das pequenas e medianas empresas, micropemes e autónomos. As actuacións, están financiadas polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos fondos NextGenerationEU, no marco da axenda España Dixital 2026 e o Plan de Dixitalización de Pemes 2021-2025.

PUBLICIDADE