A UVigo transforma o Val Miñor no epicentro da divulgación científica e tecnolóxica

venres, 29 de maio do 2026 S. P.

O Mercado de Sabarís (Baiona) convértese este venres 29 de maio nun gran laboratorio científico coa celebración da 5ª edición da expo-feira da Universidade de Vigo A ciencia que vén ten nome de muller, unha iniciativa que reuniu durante a mañá máis de 300 escolares de educación infantil e primaria de centros de Baiona, Gondomar e Nigrán arredor de experimentos, xogos e obradoiros pensados para achegar a ciencia á sociedade desde unha perspectiva participativa e inclusiva.
Ao longo da mañá, o alumnado do CEP Sabarís, CPI Cova Terreña e CEIP Belesar, en Baiona; do CEIP Chano Piñeiro, CEIP Serra Vincios e CEP Xosé Neira Vilas, en Gondomar; e do CEIP da Cruz Camos e CEIP Carlos Casares, en Nigrán, participou nas diferentes actividades programadas na expofeira, organizada ao abeiro do plan 5º aniversario de Ciencia de ida e volta e xa pola tarde a feira abrirá as súas portas ao público xeral con actividades pensadas tamén para público adulto.
O alumnado puido gozar cunha vintena de experimentos, demostracións e obradoiros interactivos nos que participaron máis dunha decena de grupos e centros de investigación vinculados ao Cintecx, atlanTTic, CINBIO e CIM, ademais doutras propostas impulsadas polo Post-Growth Innovation Lab, a Escola de Enxeñaría Industrial e o IXEX, así como as asociacións estudantís UVigo Aerotech, Vortex UVigo, UVigo SpaceLab e CES UVigo.
A sesión matinal contou tamén con actividades especialmente dirixidas ao público máis novo. O alumnado de infantil do CPI Cova Terreña asistiu ao teatriño de títeres Ostras e estrellas: a muller galega na ciencia, unha representación centrada en poñer en valor o papel das nenas e das mulleres na ciencia. Ademais, no posto A maleta dos océanos, que forma parte do proxecto con perspectiva de xénero O mar das mulleres, impulsado pola Deputación de Pontevedra, as crianzas puideron identificar e clasificar residuos recollidos nas praias, coñecer diferentes especies de bivalvos e moluscos e mesmo simular o seu cultivo.
Entre as propostas presentes na feira atopábase a do grupo BIOSUV, do CINTECX, que achegou ao público distintas técnicas para descontaminar e reutilizar a auga mediante pequenos experimentos cos que explicar a importancia da investigación ambiental e dos modelos sostibles.
O Grupo de Tecnoloxía Aeroespacial de atlanTTic espertou a curiosidade das persoas asistentes con maquetas de satélites e explicacións sobre os coñecidos como cubesats, pequenas estruturas espaciais con aplicacións en comunicacións, observación terrestre e investigación científica.
A programación tamén incluíu actividades relacionadas coa seguridade dixital e a criptografía da man do grupo RGEAF, que propuxo retos para descifrar mensaxes e comprender como funcionan os sistemas que protexen a información na rede.
Pola súa banda, o Centro de Investigación Mariña (CIM) levou á feira distintas propostas vinculadas coa fisioloxía dos peixes e coa acuicultura respectuosa co medio natural.
A química tamén tivo o seu espazo da man dos grupos Química Cuántica (QF3) e Hybrid Nanomaterials Group (HNG), do CINBIO, cun posto que converteu esta disciplina nun auténtico espectáculo no que os asistentes tiveron a oportunidade de saborear bolechas conxeladas con nitróxeno líquido.
Esta iniciativa é unha realidade grazas ao financiamento Deputación de Pontevedra e da FECYT-Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, así como ao apoio do Concello de Baiona.