A Deputación de Pontevedra achega en xuño tres novos obradoiros de transformación tecnolóxica

luns, 8 de xuño do 2026 S. P.

A Deputación de Pontevedra organiza este mes de xuño tres novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, todas elas telemáticas e con inscrición previa, afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como o Whatsapp Business, a Intelixencia Artificial e o copywriting para web e tendas en liña.
O xoves 11 de xuño, a partir das 12.00 horas, celebrarase o obradoiro Whatsapp business para negocios, no que de xeito práctico se afondará na optimización desta ferramenta como canle estratéxica de venda e fidelización local. Na sesión, analizarase a configuración do perfil profesional, o despregue de automatizacións, a xestión eficiente de catálogos e o deseño de campañas de mercadotecnia directa, co obxectivo de “dixitalizar a atención ao cliente, axilizar procesos comerciais e potenciar as conversións en micronegocios”. As inscricións deben realizarse a través da Rede.
O xoves 18 de xuño, a partir das 12.00 horas, desenvolverase a sesión Copywriting II: web e tendas en liña, na que se dará a coñecer como axudar a converter as visitas en clientes grazas ás palabras. Nesta formación afondarse en como comunicar o valor dos produtos ou servizos de xeito claro, natural e persuasivo e, entre outras cuestións, como mellorar as fichas de produto. As inscricións deben realizarse no en liña.
Finalmente o xoves 25 de xuño, tamén desde as 12.00 horas, a Deputación ofrece o obradoiro IA como ferramenta de marketing, unha formación técnica e introdutoria sobre o impacto real da intelixencia artificial aplicada á mercadotecnia dixital contemporánea. Neste eido, na sesión afóndase en ferramentas clave para a automatización de contidos, optimización SEO e, entre outras cuestións, a xestión avanzada de plataformas CRM. As inscricións deben realizarse en liña.
A Deputación destina este ano un total de 740.000 € á Rede SmartPeme+ que, por vez primeira, se coordinará co servizo dos Polos de Emprendemento da Xunta de Galicia co obxectivo de cubrir todo o territorio da provincia. Deste xeito, desde as oficinas de Vigo, Pontevedra e Ponteareas levaranse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a emprendedores, autónomos e pemes e impartindo talleres formativos e actividades complementarias.