Vitae prepáranos en decembro para obter a prestixiosa acreditación PMP

martes, 12 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Fóra dos ámbitos profesionais TIC, as siglas PMP non son aínda grandes coñecidas, pero no sector de proxectos dixitais a súa presenza é constante e presentan unha serie de retos relevantes para o colectivo desenvolvedor: van directamente relacionadas coa procura de novos e mellores xeitos de traballar. Para quen non o saiba, son as siglas de Project Management Professional (Profesional en Dirección de Proxectos), acreditación emitida polo PMI (Project Management Institute - Instituto da Xestión de Proxectos). Entre as empresas estatais que nos axudan a obter a acreditación atópase a galega Vitae Consultores, que volve organizar estes días a segunda edición do seu curso de preparación para o exame de obtención do PMI.
En palabras de Vitae, “a certificación PMP acredita a persoas e xera impactos directos de valor nas organizacións”, xa que a dirección eficaz e eficiente de proxectos é “unha competencia estratéxica das empresas, ao permitirlles competir de maneira máis rendíbel e áxil nos seus mercados”. Amais, capacita ás empresas para un mellor sustento da organización e para responder ás consecuencias dos cambios na contorna de negocio, “axudando a cumprir os obxectos dos proxectos, a ser máis predicíbeis, a optimizar o emprego de recursos da organización e, en xeral, a actuar de maneira proactiva e non reactiva”.
A actividade formativa en cuestión é unha resposta directa a dous casos concretos nos que nos podemos atopar como profesionais tecnolóxicos: o caso de que logo de asistir a un curso de preparación PMP iniciemos o camiño para presentarnos nun exame en datas vindeiras, co cal teremos ocasión de experimentar como sería esta proba e cales son os nosos coñecementos para superala, e o caso de contarmos con formación en PMP e queiramos participar nun simulacro de exame para probar o noso coñecemento.
O curso, de 10 horas, celebrarase desta volta en Vigo (Centro Social Afundación da rúa Policarpo Sanz, números 24 e 25) os días 2 e 3 de decembro.
A través desta experiencia formativa porase ao alcance dos participantes a preparación precisa para desenvolveren con éxito un simulacro de exame PMP que lles permita acudir a unha proba real coa máis óptima capacitación. O curso, ao fío do devandito, incluirá un exame de 200 preguntas a xeito de proba de adestramento.
Os obxectivos son os seguintes: simular as condicións en que nos atoparemos no exame real, poñendo o foco nas catro horas de concentración e rendemento que se esixen; comprobar o nivel de coñecemento que posuímos nos ditos eidos; identificar as áreas que requiren un repaso adicional pola nosa parte; adquirir os últimos trucos e recomendacións para presentarnos á proba real coa mellor preparación; axudar a enfocar o proceso de estudo cara o exame real; aclarar calquera tipo de dúbida relacionada co contido do PMBOK sexta edición e o proceso de solicitude de exame.
A persoa encargada de impartir os contidos será Isaac Olalla Del Real, licenciado en Dereito (Universidade Complutense de Madrid) amais de ser un profesional certificado co PMP e co PMI-RMP por parte do Project Management Institute. Trátase dun experto en xestión de iniciativas innovadoras, con máis de 15 anos de experiencia neste ámbito e preto dunha década como formador, impartindo cursos de xestión baseada na metodoloxía PMI. Polas súas actividades de adestramento xa pasaron máis de dous milleiros de persoas, formándose en xestión dunha PMO, en xestión de riscos e en xestión avanzada de proxectos. Ten traballado para Telefónica, Vodafone, Deloitte, IECISA, BT, a DXT, Bankinter, FedEx, o Ministerio de Industria, Votorantim, OHL ou a Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE