Unha alumna do Colexio Asunción de Sarria gaña o concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia 2024

luns, 1 de abril do 2024 S. P.

Galiciencia, a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade (promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, co obxectivo de achegar a ciencia á sociedade e, en particular, aos escolares) veu novamente, nesta 19 edición, cun concurso de deseño da camiseta oficial. A feira celebrarase no mes de maio co lema Mellor, de Madeira e a temática da creatividade gañadora pon o foco nesta materia prima sustentábel na que Galicia pode ser unha potencia innovadora.
A gañadora do concurso foi Chloe Pérez Moreno, alumna de quinto curso do CPR Nosa Señora da Asunción de Sarria (Lugo). Baixo o título Un mundo de madeira, o seu debuxo amosa un mundo ideal a través dunha árbore de gran tamaño collendo da man a outras dúas árbores máis pequenas, moi risoñas, baixo un ceo solleiro. Un xurado de expertos decidiu a proposta gañadora, da que se valorou a súa sinxeleza e a conexión coa temática desta edición da feira.
Ao certame presentáronse un total de 196 debuxos procedentes de 11 centros educativos de Primaria de toda Galicia. A rapaza premiada recibirá camisetas para toda a súa clase, con exemplares tamén para os seus profesores e familiares. Así mesmo, distribuiranse camisetas entre o persoal da organización de Galiciencia e entre o alumnado que presente os seus proxectos na feira.

PUBLICIDADE