Turismo de Santiago estrea aplicación para iPhone

xoves, 7 de abril do 2011 Marcus Fernández

Podemos tirar proveito da realidade aumentada para localizar distintos recursos turísticos en Compostela

O concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Santiago de Compostela, Xosé Manuel Iglesias, presentou no Pazo de Raxoi a aplicación para dispositivos móbiles de Apple da páxina web de Turismo de Santiago, que serve de guía interactiva dos recursos turísticos da cidade, con localización xeográfica no mapa e realidade aumentada.
A aplicación desenvolvida pola empresa compostelá Sináptika está dispoñible en galego, español, portugués, inglés, francés, alemán e italiano, e entre os seus contidos están aloxamentos, restaurantes, monumentos, museos, parques e xardíns, arquitectura de autor, galerías de arte, salas de exposicións, exposicións permanentes e miradoiros.
Podemos descargar a nova aplicación para iOS de balde na App Store, resultando de especial utilidade para turistas e visitantes, que terán boa parte dos recursos da páxina web de Turismo de Santiago dispoñible de xeito doado e áxil no seu móbil.
Aínda que inicialmente esta ferramenta só está dispoñible para dispositivos de Apple, no futuro desenvolveranse versións para outras plataformas segundo vaia sendo a evolución deste mercado tan cambiante.