Tres anos de Quincemil

luns, 9 de maio do 2022 Marcus Fernández

En 2019 falamos con Pablo Grandío para saber do nacemento dun novo medio local dixital, Quincemil, enfocado a información da provincia da Coruña, e que un ano despois espallaríase até Vigo con Treintayseis. Un grande cambio para o ecosistema mediático galego, que sorprende pola boa acollida que dá a cabeceiras nativas dixitais, ao que puido ter afectado considerablemente o contexto pandémico. Agora, Quincemil celebra o seu terceiro aniversario, e quixemos volver conversar co seu máximo responsable sobre estea aventura.

Pedro J. Ramírez salientou a boa acollida que tivo Quincemil entre o público galego

– Na gala de celebración do terceiro aniversario de Quincemil puidemos escoitar a Pedro J. Ramírez comentado que o voso medio dixital era xa o terceiro a nivel galego. Non dá algo de vertixe a velocidade á que está a medrar o voso proxecto?
– A verdade e que levamos xa máis de dous anos sendo o terceiro medio dixital a nivel galego segundo datos de Comscore, só por detrás das versións dixitais dos medios históricos da Coruña e en Vigo. Dende abril de 2020 estamos nesa posición, agás tres ou catro meses nos que baixamos a cuartos. O proxecto segue crecendo e afianzándose, e o importante é que tras ser unha das referencias informativas da pandemia, seguimos mantendo o tráfico moi alto. O que é máis salientable do último ano é que pasamos de ser un diario centrado na área metropolitana da Coruña, a ser un provincial, con cada vez maior presenza en Ferrol e Santiago de Compostela.

– Vimos dun par de anos complicados por mor da pandemia que chegou a afastar a prensa tradicional de boa parte do seu público ao retirar os xornais dos locais de hostalaría e encerrar aos lectores nos seus fogares, onde si podían consultar medios dixitais. Podemos dicir que estamos ante un magnífico exemplo de que unha grande crise tamén pode supor grandes oportunidades?
– Depende de como se mire. A verdade e que antes da pandemia estabamos medrando moi rapidamente, e a chegada da COVID-19 fixo que nos quedásemos fora de moitas reunións, presupostos e cousas semellantes que tiñamos previstas para o mesmo 2020. A COVID-19 freou a nosa progresión a nivel relacional con empresas e institucións durante practicamente ano e medio. Pola outra banda, foi unha oportunidade para demostrar a seriedade e a ambición do proxecto. Os medios online sempre teñen que xogar contra o prexuízo de non saber se detrás hai unha empresa con proxecto ou dos colegas facendo un blog nos seus ratos libres. Nós demos unha cobertura da pandemia de referencia, con datos diarios, mapas cada semana dos peches perimetrais e moitísima información rápida e concreta que lles serviu de moito a centos de miles de galegos, non soamente aos da Coruña. Demostramos que somos serios e de fiar.

– Quincemil e Treintayseis están baixo o paraugas de El Español, xornal que en marzo foi o máis lido en España segundo datos de Comscore e líder en móbiles, polo que podemos entender que os medios nativos dixitais teñen certa vantaxe entre o público máis afeito á tecnoloxía. Tedes vantaxe á hora de chegar ao público a través de dispositivos móbiles e redes sociais? Cal é a diferenza entre o que facedes dende Quincemil e o que fan medios tradicionais que non conseguen tracción no contorno dixital?
– Penso que ao ser dixitais, e soamente dixitais, temos unha serie de vantaxes moi evidentes. A primeira é que só hai unha versión de cada artigo, non hai que axustar lonxitude para que caiba nunha maqueta, e iso permite que podamos facer artigos moi completos (o que moitas veces quere dicir moi longos) sobre os temas que tratemos. Tamén non temos limitación ningunha cando se trata de pór fotos, vídeos ou outros elementos multimedia. A web está pensada de serie para os móbiles e as redes sociais estiveron desde o primeiro minuto (mesmo meses antes de lanzar o diario) dentro da nosa estratexia.

– O éxito de Quincemil resulta innegable, polo que agora é inevitable preguntar se ides espallarvos xeograficamente polas provincias de Lugo e Ourense ou, pola contra, preferides consolidar a vosa posición nos vosos mercados actuais con novas iniciativas.
– Non imos lanzar novos diarios dixitais nas outras dúas provincias galegas, senón expandir Quincemil e Treintayseis. Quincemil acabará cubrindo tamén a provincia de Lugo (en parte xa o fai), e Treintayseis a provincia de Ourense. Quincemil vai quedar como o diario dixital do norte de Galicia, o que ten A Coruña como referencia, e Treintayseis para o sur de Galicia, a que ten a Vigo como referencia.

O presidente da Xunta participou na gala de celebración do III aniversario de Quincemil

– Cal son os retos que tedes agora para manter a vosa fortaleza? Continuar a tirar proveito das plataformas sociais para gañar visibilidade e atraer público no contorno dixital ou apostar máis polo mundo real agora que a cidadanía recupera a súa actividade normal?
– Temos que continuar evolucionando a plataforma e probando novas cousas a nivel técnico. E temos que apostar polo mundo real, non polo papel, que sería suicida, senón polos eventos presenciais de referencia. O aniversario saíu de marabilla, e agora o reto é facer eventos que sirvan de catalizadores para a sociedade coruñesa e galega.

PUBLICIDADE