As oportunidades do escenario virtual da Deputación da Coruña, a debate no foro La Galicia que viene

xoves, 25 de abril do 2024 S. P.

As posibilidades do escenario virtual da Deputación (Coruña Estudo Inmersivo, CE) para o audiovisual galego, o gran proxecto de novos contidos impulsado pola institución provincial na antiga Fábrica de Armas da cidade herculina (agora Cidade das TIC), centraron parte do programa de sesións do Foro Económico La Galicia que viene, que se celebra este xoves organizado por Quincemil e El Español.
A mesa contou coa participación da deputada de Emprego, Rosa Ana García, o presidente do Clúster Audiovisual Galego, Alfonso Blanco, o xerente da Cidade das TIC, Alfonso Martínez e o CEO de Ilux, Manuel Meijide.
Rosa Ana García explicou que Coruña Estudo Inmersivo (CEI) é un estudo de características semellantes ao Stage 15 de Amazon Virtual Studios en California: "Será o maior estudo virtual de España e permitirá crear contidos de ficción, Realidade Virtual e Aumentada para a súa aplicación no ámbito cinematográfico, televisivo, publicitario ou dos videoxogos".
A deputada destacou que “o CEI supón un investimento de 8 millóns de euros, co-financiado pola Deputación da Coruña e o Plan de Recuperación do Goberno de España”, e "está chamado a revolucionar a potente industria audiovisual galega, que hoxe crea series e películas que son vistas por millóns de persoas arredor do mundo, mantén máis de 4.500 empregos, factura 411 millóns de euros anuais e agrupa a máis de 700 empresas, o 75% delas na provincia da Coruña”.
Segundo engadiu, o sector é un ámbito estratéxico “pola proxección exterior que supón para Galicia a nivel nacional e internacional e polas oportunidades de crecemento que ten coa aparición das plataformas audiovisuais, que dispararon nos últimos anos o investimento na creación de contidos”. A maiores, a deputada apuntou que “a nosa idea é crear na Cidade das TIC o gran Hub Audiovisual de Galicia, nunha contorna única de innovación, tecnoloxía e coñecemento”. Este hub, dixo, “está chamado a ser unha referencia a nivel estatal e que estou segura de que, vai marcar un antes e un despois no futuro do audiovisual galego", afirmou a deputada, que puxo en valor a importancia da colaboración institucional para facer realidade este proxecto.

PUBLICIDADE