Quincemil, un novo medio dixital con acento coruñés

xoves, 11 de abril do 2019 Marcus Fernández

O creador da páxina web de videoxogos Vandal.net vén de iniciar un proxecto conxunto co xornal El Español que supón unha nova aposta polo xornalismo local. Esta publicación dixital, Quincemil, está enfocada a información da provincia da Coruña, e para saber algo máis da mesma falamos con Pablo Grandío.

– Durante anos coñeciamos Vandal.net como a principal páxina web independente de videoxogos en fala hispana, pero hai pouco tal independencia deixou de ser tal e atopáchedes acubillo baixo o paraugas dun medio Estatal. Que vos levou a tomar tal decisión e como foi ese proceso?
Eran moitos anos como independentes, aínda que dende o 2010 estiveramos asociados con outro diario nacional, o 20 Minutos. Pero aquelo era unha asociación comercial, e esta é de tipo empresarial. A decisión foi para ter unha maior estabilidade e para formar parte dun novo proxecto case dende o comezo.

– Xa integrado Vandal en El Español, como xurdiu a idea de crear Quincemil? Estamos ante o que sería a primeira edición galega do xornal dixital estatal ou en cambio este proxecto cun enfoque diferente?
– A idea xorde anos antes da asociación con el Español, pero non puiden levala a cabo ata agora. Xorde tras ver o ben que funciona certo tipo de contido en redes sociais, e ao comprobar que hai moitas cousas que ocorren na Coruña das que so te decatas por Instagram, ou porque alguén che conta que o veu en Instagram. As redes sociais fixeron posibles novas iniciativas nas cidades, e pensamos que tamén son posibles novos contidos propios de Internet.

– O nome (Quincemil), o logotipo (o reloxo do Obelisco)... semella toda unha declaración de intencións...
– O que sexa da Coruña coñece moi ben a nosa curiosa identificación cos códigos postais e como se fan bromas con eles. Escollemos este nome porque non é xenérico e ten personalidade, e eliximos o Obelisco porque A Torre de Hércules é o símbolo da cidade para fóra, pero o Obelisco é o monumento que máis vemos ao longo da semana os que vivimos na cidade.

– A proposta dun xornal dixital de ámbito local como encaixa na oferta informativa local? Buscades competir cos medios tradicionais ou con outros medios dixitais? Como vos diferenciades?
– Polo de agora levamos só uns días e estamos vendo que funciona, que non, e vendo as cousas acertadas e erradas da nosa visión. Imos ser un medio máis centrado na vida da rúa e no ocio e a cultura que na política. Temos algunhas seccións que imos potenciar moito, como Gastrocoruña, Coruña secreta e Talento 15000, esta última dedicada aos emprendedores. Temos tamén outras ideas que imos aplicar co paso das semanas.

– Levamos uns días vendo o que é Quincemil agora, no que enténdese que é un medio de comunicación en construción, que pouco a pouco vai collendo forma por dentro (na súa páxina web) e por fóra (nas súas relacións con buscadores, redes sociais...). Poderíanos adiantar algún detalle sobre o rumbo que tomará a publicación dixital nas vindeiras semanas?
– Hai cousas que non estiveron a tempo para o lanzamento, como o estado das praias, pero por sorte está a chover moito e temos algo de tempo para preparalo. Temos tamén a aplicación móbil en preparación, e sobre todo moitas ideas de artigos e de seccións que aínda teñen que tomar forma. Polo de agora imos aprender a traballar xuntos, e o rally de eleccións que vén agora vai ser unha proba importante. Neste momento non hai máis que 70 artigos publicados, temos aínda moito que escribir.

– Cando desenvolvades dun xeito máis amplo este proxecto, tedes pensado trasladalo a outros puntos de Galicia?
– Polo de agora queremos facer que sexa viable na Coruña, e logo xa veremos como evoluciona o proxecto. Penso que a xente está aberta a novos medios de comunicación, sempre é bo ter un punto de vista máis.

PUBLICIDADE