Trasno achega unha pormenorizada tradución ao galego do novo Inkscape

venres, 10 de setembro do 2010 Fernando Sarasketa

Malia a baixada de actividade do centro Mancomun.org, a comunidade galega de usuarios e deseñadores de software libre segue adiante no seu labor de creación de novas ferramentas abertas e na adaptación ao galego de outras xa existentes. Nesta liña de continuidade é onde se insire precisamente o proxecto e asociación Trasno, colectivo de voluntarios que se dedica entre outras cousas a localizar software libre á nosa lingua. Un exemplo salientábel e recente disto é o traballo despregado coa versión 0.48 de Inkscape, programa de debuxo vectorial que Trasno puxo a disposición da comunidade a finais do pasado mes de agosto.
A adaptación ao galego, mantida por Leandro Regueiro, incorpora melloras de todo tipo, “tanto en calidade como en cantidade, xa que se revisaron tódalas traducións e se localizaron moitos textos, co que agora o nivel é maior do 75% e superando a linguas como o portugués ou o romanés”, informan dende Trasno.
Amais disto, tamén está completada a adaptación ao noso idioma de algúns dos titoriais que incorpora o programa, polo que a día de hoxe xa é moito máis doado o emprego completo desta ferramenta para os usuarios galegofalantes. Sinalar a maiores que o desenvolvemento desta nova versión, para a que foron precisos noves meses de traballo, significou a incorporación de todo tipo de correccións, ferramentas novas e extensións para desenvolvedores web. Por certo que está a disposición de quen queira vela a listaxe de estatísticas de tradución de Inkscape.

PUBLICIDADE