The Witcher 3 prepárase para a súa nova expansión con descontos do 80%
venres, 29 de maio do 2026
O anuncio de que The Witcher 3: Wild Hunt vai recibir unha nova expansión en 2027 para PC, Xbox Series X|S e PlayStation 5 está a facer que o título lanzado en 2015 volva estar no punto de mira e dende CD Projekt Red quixeron aproveitar o momento para impulsar as súas vendas con descontos do 80 % nas tendas dixitais de PlayStation, Xbox e PC (GOG).
O xogo The Witcher 3: Wild Hunt pode adquirirse por 5,99 euros na súa edición sinxela e por 9,99 euros na súa edición completa, que inclúe as expansións Blood and Wine (que pode mercarse solta por 3,99 euros) e Hearts of Stone (á venda por 1,99 euros). O que xa teña o xogo solto tamén pode adquirir as dúas expansións xuntas por 4,99 euros.
Esta promoción fainos lembrar que as expansións de The Witcher 3 tiñan un prezo de lanzamento de 19,99 e 9,99 euros, polo que podemos facernos unha idea do prezo que terá Songs of the Past, que moi probablemente fixará o seu prezo en 19,99 euros (dada a actual deriva alcista do sector, e no feito de que xa chega directamente para consolas de nova xeración, o que supón un maior esforzo no seu desenvolvemento).

- Blood and Wine está considerada como unha das mellores expansións que recibiu un videoxogo
