Xbox celebra os seus 25 anos cunha chea de novidades

luns, 8 de xuño do 2026 Redacción

O Xbox Games Showcase 2026 serviu para presentar unha ampla batería de novidades, entre as que destacaron novos xogos, hardware conmemorativo polo 25º aniversario da marca e a confirmación do regreso da estratexia de exclusivas para consola. O evento tamén deixou numerosos anuncios de estudios propios e socios externos, con estreas mundiais, novas datas de lanzamento e as primeiras imaxes de xogabilidade de títulos moi esperados.
A celebración do 25º aniversario de Xbox materializarase coa chegada en novembro dunha edición limitada da consola Xbox Series X25 e do mando Xbox Wireless Controller X25. Ambos os dispositivos recuperan a estética verde translúcida da primeira consola da marca, incorporando referencias visuais á historia da plataforma e á súa comunidade de usuarios.
A Xbox Series X25 Limited Edition mantén as prestacións da Series X actual, incluíndo 1 TB de almacenamento, pero engade unha carcasa translúcida inspirada no deseño orixinal da consola lanzada en 2001. O logotipo iluminado en verde e diversos detalles decorativos rememoran os primeiros anos da marca. O mando X25 Special Edition segue a mesma liña estética, recuperando as cores clásicas dos botóns ABXY e mesmo referencias aos botóns branco e negro do coñecido mando Duke. O conxunto comercializarase en mercados seleccionados, mentres que o mando tamén poderá adquirirse por separado.

Regresan as exclusivas para consola

Un dos anuncios máis destacados do evento foi a confirmación de que Gears of War: E-Day e Clockwork Revolution serán exclusivos das consolas Xbox. A compañía precisou que non se trata de exclusivas temporais, aínda que os títulos xa anunciados previamente como multiplataforma manterán esa condición.
A decisión busca reforzar o atractivo do ecosistema Xbox coincidindo coa celebración do seu aniversario, nun momento no que a marca ampliou notablemente a súa presenza en PC e outras plataformas.

Novidades dos estudios propios

Entre as producións internas destacou a presentación de Senua, unha nova aventura de acción ambientada no universo de Hellblade. O título, previsto para 2027, apostará por unha estrutura máis aberta e unha maior presenza de combate táctico e exploración.
Tamén se anunciou Spyro: A Realm Beyond, o primeiro xogo completamente novo protagonizado polo dragón púrpura en case dúas décadas. Desenvolvido por Toys for Bob, chegará na primavera de 2027 e incorporará voo libre e novas mecánicas de exploración.
Gears of War: E-Day mostrou por primeira vez a súa xogabilidade e confirmou o seu lanzamento para o 6 de outubro. O título relatará os acontecementos do Día da Emerxencia, cando os Locust iniciaron a súa invasión de Sera, e afondará nos primeiros pasos da relación entre Marcus Fenix e Dominic Santiago.
Outro dos protagonistas foi Halo: Campaign Evolved, que chegará o 28 de xullo. A nova campaña incluirá a operación Meteorite, formada por tres misións protagonizadas por Master Chief e o sarxento Johnson.
Minecraft Dungeons II estrearase o 29 de setembro cunha nova aventura ambientada en rexións inéditas do Overworld, mentres que State of Decay 3 confirmou a súa chegada en 2027 e mostrou o seu primeiro tráiler con secuencias de xogabilidade.
A nova expansión de Doom: The Dark Ages, subtitulada Revelations, estará dispoñible a partir do 7 de xullo e introducirá unha nova campaña centrada no Doom Slayer, ademais da arma Chain Spear.
Pola súa banda, Fable fixou o seu lanzamento para o 23 de febreiro de 2027. O novo tráiler presentou a personaxe de Isabel, interpretada pola actriz Hayley Atwell, e anticipou o regreso de Jack of Blades, un dos antagonistas máis emblemáticos da saga.
Clockwork Revolution reapareceu cun novo vídeo centrado na súa narrativa baseada na manipulación temporal. O RPG steampunk de inXile Entertainment continuará previsto para Xbox Series X|S, PC e Game Pass.

Estreas de socios externos

Entre os anuncios realizados por editoras e estudios asociados destacou Persona 6, cuxa existencia foi confirmada oficialmente por Atlus. Tamén se mostrou un novo tráiler de Persona 4 Revival.
Outra das estreas mundiais foi Wo Long 2: Wings of Ember, mentres que Metro 2039 ofreceu as súas primeiras secuencias de xogabilidade.
Resonance: A Plague Tale Legacy confirmou a súa data de lanzamento e Where Winds Meet sorprendeu coa súa publicación inmediata tras a presentación.
Konami, Evil Empire e Motion Twin anunciaron Castlevania: Belmont’s Curse, unha nova aventura de acción bidimensional ambientada 23 anos despois de Castlevania: Dracula’s Curse. O xogo chegará o 15 de outubro e estará protagonizado por Rose Belmont, filla de Trevor Belmont.
SEGA tamén recuperará unha das súas franquías máis recoñecibles con Crazy Taxi: World Tour, previsto para 2027. A nova entrega incorporará unha campaña narrativa, carreiras multixogador en liña, personalización de vehículos e varias cidades internacionais como escenario.
O Xbox Games Showcase 2026 deixou así unha das presentacións máis completas dos últimos anos para a marca, combinando a recuperación de franquías históricas, novas propiedades intelectuais e unha renovada aposta polas exclusivas coincidindo co seu 25º aniversario.

Tráiler do novo Crazy Taxi