The Witcher 3 terá unha nova expansión
xoves, 28 de maio do 2026
Mentres o público agarda con inquedanza máis información sobre The Witcher 4 (xogo do que só puidemos ver unha demo técnica) dende CD Projekt Red sorprenden anunciando Songs of the Past, unha terceira expansión para o videoxogo de 2015 The Witcher 3: Wild Hunt, que chegará o ano que vén a PlayStation 5, Xbox Series X|S e PC.
A nova expansión devolverá aos xogadores ao papel de Geralt de Rivia nunha aventura completamente inédita. O desenvolvemento está a realizarse de maneira conxunta entre CD Projekt Red e Fool’s Theory, estudio integrado por veteranos da industria que xa participaron no desenvolvemento do xogo orixinal.
Polo momento non se deron a coñecer detalles sobre a historia, as dimensións da expansión nin as súas mecánicas, aínda que se avanzou que haberá máis información a finais do verán de 2026.
The Witcher 3: Wild Hunt supera xa os 60 millóns de copias vendidas e acumula máis de 250 premios a Xogo do Ano e máis de 1.000 galardóns da industria. O título baséase nas novelas de Andrzej Sapkowski (universo tamén adaptado en forma de serie de televisión para Netflix) e sitúa aos xogadores nun mundo aberto de fantasía escura no que Geralt de Rivia debe localizar e protexer a súa filla adoptiva, Ciri.
