R logra máis espectro radioeléctrico en Galicia para despregar redes móbiles 4G

xoves, 10 de novembro do 2011 Redacción

Nova tenda de R aberta en Noia

Na nova poxa do espectro radioeléctrico que puxo en marcha o Ministerio de Industria esta mañá, R logrou as licenzas necesarias para operar no bloque de 2x10 MHz (TDD) da banda de 2,6 GHz. A concesión destas licenzas finaliza o 31 de decembro do ano 2030.
O operador galego de telecomunicacións por fibra óptica achegará 297.489,54 euros por estas licenzas, que lle permitirán ofrecer servizos móbiles avanzados a través da tecnoloxía LTE. Ademais, as frecuencias conseguidas hoxe por R súmanse ao bloque de 2x10 MHz que conseguiu na poxa celebrada durante este verán e polas que ofrecera máis dun millón de euros.
As frecuencias obtidas polo operador galego tanto nesta poxa como na realizada no mes de xullo farán posible o desenvolvemento de redes móbiles propias de tecnoloxía LTE (Long Term Evolution), idóneas para a transmisión de datos en mobilidade.
R continúa, ademais, co seu compromiso de levar a Sociedade da Información e, en particular, o acceso ás novas redes con tecnoloxías móbiles, a zonas de Galicia onde é inviable facelo mediante solucións fixas. Desta volta, a fenda dixital iría remitindo pouco a pouco e podería comezar unha nova etapa no eido do desenvolvemento tecnolóxico da comunidade tamén no rural.
De feito, arestora R xa ofrece velocidades de acceso a internet de 30 e 100 Mbps na meirande parte da súa rede (zonas con cobertura). E co respaldo do Plan de Banda Larga 2010-2013 da Xunta de Galicia vén de reforzar novamente o obxectivo de situar a Galicia á vangarda das telecomunicacións para competir en Europa e no resto do mundo.

PUBLICIDADE