Hispasat achegará a Rede a zonas afastadas por 35 euros/mes

mércores, 8 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

O Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital vén de publicar a resolución provisoria da convocatoria de axudas para garantir o acceso á banda larga de 100 Mbps a un prezo de 35 euros/mes para o usuario final, co obxectivo de pechar a fenda dixital nas zonas rurais, remotas e pouco poboadas de todo o territorio español, resultando adxudicataria deste programa a compañía Hispasat, elixida entre 10 empresas solicitantes.
Hispasat recibirá axudas por valor de 76,3 millóns de euros do programa UNICO Demanda Rural para empregar a súa infraestrutura de satélites para dar conectividade á Internet a lugares aos que non chegue cobertura fixa que garanta unha velocidade mínima de 50 Mbps. O servizo que achegarán terá que ser asequible, cunha velocidade de ao menos 100 Mbps, e deberá ofrecerse até o 31 de decembro de 2027.
A axuda concedida a Hispasat distribúese en 40,3 millóns de euros para a configuración do servizo e o establecemento dunha plataforma con recursos de rede, e 36 millóns para sufragar a alta do usuario final.

PUBLICIDADE