Movistar ofrece fibra de 100 Mbps por 29,90 euros/mes

mércores, 23 de marzo do 2022 Marcus Fernández

Nos últimos meses foron varios os operadores de baixo custo que quixeron facerse fortes en tarifas de acceso á Rede mediante fibra óptica a prezos preto dos 30 euros para captar así a consumidores que simplemente demanda conexión á Internet, e agora é a propia Movistar a que entra nesta batalla coa tarifa Movistar Conecta 100, que ofrece fibra óptica simétrica a 100 Mbps e liña fixa de teléfono con chamadas estatais incluídas por 29,90 euros/mes sen promoción.
Esta oferta pode resultar atractiva para usuarios que non queren arriscarse a contratar con compañías pouco coñecidas, aínda que neste caso a oferta só está dispoñible en concellos que a CNMC considere con competencia dabondo nas conexións de fibra, que no caso galego serían Ames, Arteixo, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, A Coruña, Culleredo, Fene, Ferrol, Narón, Noia, Oleiros, Ribeira, Sada, Santiago de Compostela, Lugo, Viveiro, Cambados, Cangas, Marín, Moaña, Pontevedra, O Porriño, Ponteareas, Vigo e Vilagarcía de Arousa.
A nova tarifa de Movistar carece de compromiso de permanencia, inclúe router sen fíos e instalación de balde, pero cómpre advertir de que a propia Movistar a través da súa marca O2 ofrece unha tarifa semellante que por 30 euros/mes tamén inclúe móbil con chamadas ilimitadas e 10 GB de datos, o que resultaría moito máis atractivo.

PUBLICIDADE