Presenza TIC nos premios de investigación da RAGC

xoves, 24 de xaneiro do 2019 Redacción

Os premiados e as autoridades no acto celebrado onte

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou na tarde deste 23 de xaneiro a toma de posesión do seu novo presidente, Juan Manuel Lema Rodicio, que releva no cargo a Miguel Ángel Ríos Fernández, ao frente da institución durante os últimos cinco anos. Durante o acto, que se desenvolveu no compostelán Pazo de San Roque, entregáronse tamén os Premios de Investigación Ernesto Viéitez a un equipo internacional liderado por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a un enxeñeiro informático da Universidade da Coruña (UDC).
Asistiron ao acto a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; o reitor da UDC, Julio Abalde; o vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Vicente Pérez Muñuzuri; a vicerreitora de Investigación da Universidade de Vigo (UVigo), Belén Rubio; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio; e o director da Escola Naval Militar de Marín, Ignacio Cuartero.

A nova xunta directiva da RAGC

Durante a súa intervención, Juan Lema, catedrático de Enxeñaría Química da USC e académico da RAGC desde 2016, recoñeceu e enxalzou o traballo do seu antecesor e dixo que o seu obxectivo é ampliar ao máximo o radio de acción da RAGC, “buscando a colaboración do maior número de entidades”, tanto no eido da Administración (desde a autonómica ata as provinciais e as locais), como no das fundacións, os colexios profesionais, as asociacións, outras academias, o tecido empresarial, o ámbito educativo, etc.
Nanopartículas patentadas
Os representantes do equipo recoñecido co Premio de Investigación 2018, Alejandro Sánchez e Inés Fernández, quixeron dedicarlle o galardón a Begoña Seijo. Esta investigadora da USC foi, en palabras dos seus compañeiros, “unha gran científica cuxo falecemento prematuro lle impediu ver que as nanopartículas que foron desenvolvidas coa súa axuda presentan hoxe un enorme potencial clínico”. O seu proxecto propón o uso de nanobiotecnoloxía para deseñar terapias diana “cun método de preparación extremadamente sinxelo, compoñentes de baixo custo e elevada seguridade”, capaces de reducir a metástase do cancro de colon no fígado ata nun 80%. A investigación foi publicada na revista International Journal of Cancer, de referencia no ámbito da oncoloxía, e, tal e como destacaron os premiados, “a recente concesión da patente nos Estados Unidos, considerado como o mercado máis importante no cancro co 50% das vendas mundiais, supón un importante aval sobre a innovación que representan as nosas nanopartículas”. O proxecto está a ser liderado pola USC e conta coa colaboración da Universidade do País Vasco; do Instituto de Investigación Sanitaria Biodonostia; da Universidade de Düsseldorf (Alemaña); e do Instituto Nacional de Saúde e Investigación Médica de Francia (INSERM).
Pola súa banda, o enxeñeiro informático premiado na categoría de investigadores mozos, Adrián Diéguez, debullou a súa estratexia para facilitar o traballo dos programadores cando se enfrontan á resolución de grandes problemas científicos aplicando técnicas de computación avanzada. Este investigador do Grupo de Arquitectura de Computadores da Facultade de Informática da UDC puxo como exemplo de aplicación a manobra que un coche autónomo ten que facer de xeito inmediato para esquivar un peón na calzada. “A velocidade de cálculo é esencial para que o vehículo poida tomar a decisión de xirar en cuestión de milisegundos”, explicou. A solución proposta por el simplifica o traballo dos programadores na resolución deste tipo de problemas científicos a través do uso de tarxetas gráficas (GPU), capaces de facer cálculos complexos a máis velocidade que un procesador (CPU).

PUBLICIDADE