Os novos Galaxy S superan en nivel de satisfacción aos novos iPhone por primeira vez

martes, 13 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Tradicionalmente Apple presumía do nivel de satisfacción dos iPhone, que eran os mellores do sector, á vez que tamén podiamos entender que os móbiles máis caros eran os máis valorados polos consumidores, pero un informe de PerfectRec revela un importante cambio de tendencia, pois non só os móbiles insignia de Samsung superan en satisfacción aos iPhone, senón que tamén sorprende que os modelos ordinarios de iPhone e Samsung Galaxy S superan aos modelos Pro e Ultra.
Dende PerfectRec Reviews Team están asombrados pola boa recepción que están a ter os novos móbiles de Samsung, conseguindo os Galaxy S24 un 91% de satisfacción, mentres que os Galaxy S24 Ultra quedan nun 88% de satisfacción, superando amplamente os datos do ano pasado (75% e 82% respectivamente). O Samsung S24+ conformaríase cun nivel de satisfacción do 84%.
Pola súa banda, o iPhone 15 Plus tería un 77% de satisfacción, o iPhone 15 un 76% e o iPhone 15 Pro Max un 74%, quedando bastante por debaixo dos móbiles de Samsung, e sorprendendo que os móbiles máis caros (que son os que máis venden inicialmente) non sexan os que máis convencen aos consumidores.
Cómpre salientar que estes datos poden mudar bastante nos vindeiros meses, xa que é bastante probable que os primeiros compradores dos iPhone sexan máis esixentes que a media do ano, de xeito que as tornas aínda están a tempo de mudar.

PUBLICIDADE