Disney+ advirte aos seus subscritores anuais da súa elevada suba de prezos

luns, 19 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Esta fin de semana os subscritores de Disney+ que apostaron pola plataforma dende o seu lanzamento en 2020, cun prezo inicial de 69,99 euros/ano, que un ano despois pasou a custar 89,99 euros/ano coa xustificación de que o catálogo de contidos melloraba coa incorporación dos contidos de Star (dirixidos a un público adulto), recibiron unha comunicación advertindo da suba de prezos máis elevada que experimentou nunca.
O plan actual, de 8,99 euros/mes ou 89,90 euros/ano, pasa a chamarse Disney+ Prémium, elevando o seu prezo até 11,99 euros/mes ou 119,90 euros/ano, converténdose nunha das meirandes subas de prezo nunha plataforma de streaming (só igualada por Apple TV+ cando pasou de 6,99 a 9,99 euros/mes).
Prevendo unha fuxida masiva de subscritores cunha suba de prezos tan esaxerada (sen contraprestación para os usuarios), lanzaron un novo plan Disney+ Estándar a un prezo de 8,99 euros/mes (que reduce a calidade de vídeo a Full HD e o número de reproducións simultáneas a 2 como máximo) e un plan Disney+ Estándar con anuncios por 5,99 euros/mes (sumándose a unha tendencia de mercado na que as plataformas en liña van camiño de converterse na nova televisión).
Haberá que ver como afectan estes cambios ao negocio de xeito global, pois incrementar prezos tras anunciar que van reducir drasticamente a produción de contidos orixinais (especialmente das franquías de Marvel e Star Wars) non semella o mellor xeito de manter subscricións a longo prazo.

PUBLICIDADE