Orange denuncia que a CMT e Telefónica son culpables do atraso do ADSL en España

venres, 26 de outubro do 2007 Marcus Fernández

A penetración da banda larga en España está por debaixo da media comunitaria, os prezos que temos son dos máis caros de Europa, e a operadora Orange asegura que esta situación non é accidental, senón que culpa da mesma á Comisión do Mercado das Telecomunicacións e a Telefónica.
Orange considera que Telefónica pon moitos atrancos para que as operadoras alternativa non medren (entre outras cousas mencionan que a base de datos de clientes está sen actualizar, polo que o 25% das características de liña que lles subministran son erróneas) ó que habería que sumar que a CMT non conta con medios para facer efectivas as regulacións actuais, polo que as súas lentas actuacións erosionan a eficacia do organismo regulador.
Dende a operadora de France Télécom aseguran que Telefónica rexeita unha elevada porcentaxe de solicitudes de alta cando un rival lle arrebata un cliente, así que tamén presenta problemas técnico no traspaso de aboados en preto do 15% dos casos. Todas estas cousas non só ocasionan problemas a Orange, senón que afectan á súa imaxe e credibilidade, de aí que decidiran instar á CMT e ó Executivo a tomar medidas para mellorar a competencia no ADSL.

PUBLICIDADE