O proxecto EcoRaee insiste na reutilización de aparellos eléctricos fronte a reciclaxe

venres, 12 de xuño do 2015 Redacción

Reutilización ou reciclaxe? Esta é a cuestión sobre a que estiveron a traballar ao longo de tres anos cinco departamentos da Universidade de Vigo (Enxeñaría Mecánica, Enxeñaría Eléctrica, Enxeñaría Informática, Economía Aplicada e grupo REDE e Dereito Ambiental, xunto coa Oficina de Medio Ambiente), Revertia e EnergyLab, dentro do proxecto EcoRaee, que xa tirou conclusións: a reutilización dos aparellos eléctricos e electrónicos é máis eficiente que a reciclaxe. Así, na actualidade, a meirande parte destes produtos son reciclados, fundindo as súas pezas para fabricar outros novos, pero moitos dos seus compoñentes son altamente contaminantes.
Por se isto non abondase, estímase que o 4% do lixo xerado no continente é electrónico e calcúlase que para 2020 trataranse de maneira inaxeitada 4,3 millóns de toneladas cada ano de computadores, móbiles ou consolas. Neste contexto preocupante xorde a idea de reutilización como alternativa ao proceso de reciclaxe, recuperando os aparellos, reparándoos e dándolles unha nova vida.
Segundo as análises e demostracións levadas a cabo ao abeiro do proxecto EcoRaee nos últimos anos, non é só unha alternativa, senón que é un proceso máis eficiente: optar pola reutilización fronte á reciclaxe supón un aforro de 45 euros en custos ambientais por cada aparello tratado.
Atendendo a todos estes datos, salientouse a necesaria colaboración das autoridades para mellorar a lexislación que incremente e faga máis doada a reutilización e tamén para a concienciación da sociedade. Como exemplo da falta de coñecemento e divulgación neste eido, explicouse que as empresas fabricantes están obrigadas a recoller os refugallos, algo que os consumidores descoñecen. “Até agora cando se mercaba un televisor, por exemplo, o vendedor debía acceder a recoller o vello, pero agora, coa entrada en vigor do novo real decreto en 2015, deben facelo aínda que non merquemos un novo”. Isto está ligado cunha das recomendacións de modificación do ordenamento xurídico que achegan dende EcoRaee, para que as facturas detallen o custo de reciclaxe ou reutilización de cada aparello. “Os fabricantes pagan un canon para que alguén se ocupe posteriormente deses procesos, e ese canon trasládase ao comprador e acaba formando parte do prezo de venda do produto”, explica Vilán. Polo tanto, as empresas están obrigadas a recoller os aparellos vellos ou estragados, xa que o consumidor paga por ese proceso.
EcoRaee é o sexto dos 35 proxectos seleccionados na convocatoria 2011 do programa da Unión Europea LIFE+ dentro do subprograma de política medioambiental e gobernanza.

PUBLICIDADE