O futuro de Xbox desvelarase este xoves en formato podcast

luns, 12 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Os rumores sobre a posibilidade de que os grandes xogos exclusivos de Xbox fosen chegar a PlayStation 5 e Nintendo Switch levou a que Phil Spencer adiantase que esta semana ía desvelar os plans de futuro de Xbox, e finalmente confírmase cando e como se realizará tal comunicado, sorprendendo o feito de que, en vez de ser unha grande presentación, vaia ser un capítulo do podcast oficial de Xbox no que participarán Phil Spencer, Sarah Bond e Matt Booty.
Este xoves publicarase este podcast, que poderase seguir tamén na canle oficial de Xbox en YouTube, e dado que non se trata dunha grande presentación, poderiamos desbotar os rumores que apuntarían ao remate de Xbox como consola de videoxogos para pasar a ser simplemente unha editora de xogos, e todo podería limitarse a un cambio de política para abrirse máis a plataformas de terceiros, algo fundamental para que certo tipo de títulos poidan ser un éxito, xa que para manter unha comunidade activa de xogadores é preciso contar co maior volume posible.
O feito de que xogos como Starfield ou Sea of Thieves non estivesen dispoñibles para PlayStation 5 terían un impacto directo no seu éxito, xa que ao restrinxir o seu crecemento a unha única consola (a menos vendida da actual xeración) está a dificultarse que os proxectos acaden rendemento económico.

PUBLICIDADE