Nintendo confirma que está a ultimar a sucesora da Switch

mércores, 8 de maio do 2024 Marcus Fernández

Tras moito tempo con rumores sobre o lanzamento dunha consola sucesora da Nintendo Switch, por fin temos información oficial, xa que o presidente de Nintendo, Shuntaro Furukawa, comunicou que a consola sucesora da Nintendo Switch anunciarase neste ano fiscal (ou sexa, antes de rematar marzo de 2025) e matiza que o Nintendo Direct de xuño estará centrado en xogos para Nintendo Switch que verán a luz na segunda metade de 2024, sen facer ningunha mención á vindeira consola.
Con estas declaracións podemos entender que a compañía non quere crear falsas expectativas que poidan afectarlles negativamente, e tamén queren deixar claro que a Nintendo Switch vai despedirse con dignidade, contando con bastantes novidades nos últimos meses como consola de referencia de Nintendo, aínda que resulta bastante evidente que o ritmo de lanzamento da compañía nipoa relaxouse ultimamente, previsiblemente por ter equipos a traballar nos grandes lanzamentos cos que chegará a sucesora da Nintendo Switch, e da que aínda non se coñece o seu nome (aínda que anticipan que manterá o formato de éxito da Switch, evitando así repetir fracasos como a Wii U, consola incomprendida polo público).

PUBLICIDADE