Microsoft pecha 4 estudios de Bethesda
mércores, 8 de maio do 2024
Levamos un tempo no que a industria dos videoxogos está a verse azoutada por despedimentos e peches de estudios como un axuste tras o sobredimensionamento experimentado durante a pandemia (período no que se disparou o consumo de videoxogos), e desta volta tocoulle padecer os recortes a varios estudios de Bethesda, que Microsoft decidiu pechar directamente.
Falamos concretamente de Arkane Austin, onde estaban a desenvolver Redfall (unha das grandes decepcións do pasado ano); Tango Gameworks, responsables de Hi-Fi Rush e The Evil Within (títulos con moi boa acollida); Alpha Dog Games, creadores do xogo para móbiles Mighty Doom (que dirá adeus o 7 de agosto); e Roundhouse Studios (que será absorbido por ZeniMax Online).
O peche de Arkane Austin pillou aos traballadores por sorpresa, xa que estaban a preparar unha grande actualización para Redfall que vería a luz este mesmo mes; e tamén resulta rechamante o peche de Tango Gameworks cando veñen de levar Hi-Fi Rush a PlayStation 5.
Sobreviven a estra reestruturación Arkane Lyon (que está a traballar no xogo Marvel’s Blade), Bethesda Game Studios (responsables de Fallout, The Elder Scrolls e Starfield), Machine Games (que prepara Indiana Jones y el Gran Círculo) e id Software (Doom).