O consumo particular de fútbol pirata non pode perseguirse como asegura certa prensa

venres, 8 de marzo do 2024 Marcus Fernández

O diario Marca é un dos medios que está a desinformar claramente sobre o auto xudicial que busca desartellar unha plataforma de IPTV

O diario Marca abre a súa portada de hoxe cunha falsidade relativa á persecución do fútbol pirata, no que semella unha práctica para disuadir aos consumidores de acceder a contidos audiovisuais de xeito irregular pola suposta ameaza de que vaian ser perseguidos e sancionados, o que non se corresponde en absoluto coa realidade.
Dende a prensa deportiva apuntan a que un auto (non unha sentenza) do Xulgado do Mercantil nº 8 de Barcelona deu «luz verde para poder emprender accións legais directamente contra os usuarios que consumen fútbol pirata», asegurando que os operadores estarán obrigados a facilitar os datos dos particulares que se conectan aos servidores pirata para que LaLiga poida proceder a emprender accións legais contra eles, pero a realidade é ben distinta, pois o auto xudicial do pasado 13 de febreiro o que establece é que poderán perseguir aos particulares que teñen contratado os servizos de televisión de pagamento para compartilos ilegalmente, ou sexa, non a quen consume os contidos pirata, senón a quen subministra eses contidos para a súa redistribución claramente delituosa.
En varios medios de comunicación están a mesturarse conceptos como cardsharing e IPTV, confundindo ao público, e dando a entender que vai procederse a unha denuncia masiva a consumidores que gozan das retransmisións deportivas de xeito irregular, buscando así protexer os dereitos de LaLiga, en vez de informar con veracidade sobre o que está a acontecer en vía xudicial (que polo momento só é un primeiro paso dunha actuación en concreto coa que pretenden desartellar unha plataforma de IPTV ilegal).

PUBLICIDADE