As axencias retiran unha fotografía da Familia Real británica por estar manipulada

luns, 11 de marzo do 2024 Marcus Fernández

A emerxencia da intelixencia artificial xenerativa levou a que se extremasen os controis e os estándares para considerar se unha imaxe é publicable polos medios de comunicación e no Reino Unido xa teñen polémica ao redor dunha imaxe da que as axencias de información manifestan o seu rexeitamento ao detectarse que fora manipulada dixitalmente.
Falamos concretamente da primeira fotografía da princesa Catalina de Gales (Kate Middleton) tras a súa cirurxía abdominal, publicada para acalar os rumores sobre a súa saúde, na que poden apreciarse numerosas inconsistencias, como unha das mans da princesa borrosa (mentres que a outra, que está á mesma distancia, aparece nítida) e, moi especialmente, na zona da manga esquerda da princesa Carlota (semella que pegaron contido dunha fotografía nunha postura totalmente distinta) e incluso nos dedos cruzados do príncipe Luís (a quen parecen terlle eliminado unha unlla).
The Associated Press decidiu retractarse sobre a divulgación de tal imaxe, indicando que só aceptan manipulacións menores das fotografías (como pode ser recortar ou realizar axustes de cor, que non alteran a natureza da imaxe), e tras comprobar que a fotografía da princesa de Gales cos seus fillos tiña claros signos de alteración, comunicaron aos seus clientes que a fotografía debería borrarse dos seus sistemas.
Getty Images, AFP e Reuters seguiron a mesma pauta, e decidiron retirar a fotografía dos seus sistemas en virtude das súas inconsistencias. En contraste, PA Media, a meirande axencia informativa de Reino Unido, non retirou a fotografía do seu servizo, dando a entender que dan prioridade á súa relación coa Familia Real fronte ao rigor dos seus contidos.
Cómpre salientar que a manipulación fotográfica mal feita é algo bastante frecuente no caso da Coroa Británica, que ten difundido imaxes nas que desaparecían dedos ou aparecían pernas de máis, e tras esta polémica terán que repensar a súa política de comunicación, xa que nun mundo alerta ante as falsidades non é de recibo que divulguen como imaxes oficiais instantáneas manipuladas.

ACTUALIZACIÓN: Finalmente a propia princesa de Gales recoñeceu ser ela a responsable da modificación da polémica fotografía, asegurando que «como moitos afeccionados á fotografía, ocasionalmente experimento coa edición». A explicación non resulta moi convincente, pois a fotografía está lonxe dunha instantánea familiar realizada de xeito informal, e distribuíuse cunha clara intencionalidade, polo que en vez de clarexar a situación acrecentan as dúbidas e, paralelamente, promoven o debate sobre a necesidade dun maior control sobre as fotografías manipuladas e o establecemento duns mínimos compromisos éticos á hora de divulgar imaxes.

PUBLICIDADE