O alumnado de Enxeñaría de Telecomunicación amosou no campus de Vigo sorprendentes proxectos tecnolóxicos

mércores, 30 de abril do 2014 Redacción

A semana pasada as/os estudantes da materia Laboratorio de proxectos do cuarto curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxía de Telecomunicación (Universidade de Vigo) amosaron en todos os seus detalles e potencialidades as iniciativas e traballos cos que participan no devandito obradoiro de propostas. A cita foi na propia Escola de Telecomunicacións e serviu, como era de agardar, para iren afrontando o que será para elas e eles unha práctica inherente ao seu traballo: desenvolver innovación e aprender a presentala. Desenvolvidos en grupos multidisciplinares baixo a coordinación do profesor Carlos Mosquera, grazas a estes proxectos os estudantes familiarizáronse con eidos tan diferentes como a formación en liña, as aplicacións para dispositivos móbiles, as estacións meteorolóxicas ou os sistemas de control de variábeis con diversas aplicacións.
Segundo informa a UVigo, “en total presentáronse 11 traballos realizados por 65 alumnos repartidos en grupos”. Pola súa banda, na exposición das iniciativas o profesor Mosquera informou que do que se tratou foi de “potenciar as habilidades de traballo en grupo, debate e comunicación".Trátase da primeira vez que se leva a cabo esta actividade, xa que neste 2013-2014 impártese por primeira vez o último curso do grao, “co cal estes estudantes serán os primeiros graduados da titulación adaptada ao EEES”, engade a UVigo. E engade que a idea é repetir cada ano esta experiencia que resultou, segundo Mosquera, “moi positiva”.
Ás presentacións acudiron os propios estudantes do campus e tamén profesores e mesmo os representantes de empresas convidadas a participar na actividade expositiva. Houbo un pouco de todo: paneis, comunicacións e prototipos para que cada equipo defendera o seu traballo publicamente. Estes materiais recolleron proxectos de aplicación e utilidade diaria, como un xestor de prazas de aparcamento nos aparcamentos (Help Park), que permite aos usuarios coñecer onde hai prazas dispoñíbeis, apostando polo concepto de Smart Cities ou cidades intelixentes. Tamén se presentou un medidor de presión e rixidez arterial con métodos non invasivos ou un sistema de control de dragado en tempo real. Asemade, deuse a coñecer unha innovadora meteorolóxica baseada en Raspberry Pi, un proxecto que permite obter a previsión do tempo de xeito personalizado, elixindo parámetros como temperatura, humidade, luminosidade, presión ou punto de orballo, proporcionando gráficas diarios, semanas, mensuais ou anuais.
Segundo informa a Universidade, amosouse tamén en todo detalle un sensor de microbioloxía que, implantado nunha boia mariña, permite a análise e control de calidade de auga para uso humano a partir dun proceso de cuantificación de bacterias coliformes. Outra das propostas foi un sistema de control e xestión de variábeis ambientais nun edificio intelixente, que posibilita coñecer as características ambientais dun fogar, dun invernadoiro, dun almacén de alimentos, etc. “A través dunha aplicación móbil os usuarios poden visualizar os datos en tempo real e permite incluso, se o usuario o desexa, empregar eses datos para estudar o cambio climático”, engade a Uvigo, que tamén salienta a presentación de Mysticker, unha aplicación que fai realidade interactuar con calquera persoa e dende calquera lugar, intercambiando cromos, xa sexan mercados en liña ou no propio quiosco. ReMO, por outra banda, é un sistema de control remoto a través de Bluetooth para teléfonos Android que permite ter o control do dispositivo e modificar a súa configuración, e LabWall, outra das iniciativas presentadas, resultou ser un repositorio colaborativo e social de pílulas educativas estudante-a-estudante para difundir habilidades propias dos laboratorios tecnolóxicos e habilidades transversais, convertendo os laboratorios nun sistema de pares para a aprendizaxe práctica.
Para rematar expúxose o deseño dunha rede sen fíos de acceso a Internet para o porto da Coruña, tanto para buques e embarcacións de recreo, como para empresas ou cruceiristas; e tamén unha proposta para a venda e distribución de tecnoloxía FSO (Free Space Optics ou sistema óptico en espazo libre), unha transmisión sen fíos, baseada en láser por infravermellos punto a punto e deseñada para a interconexión de dous puntos situados en liña de visión directa.

PUBLICIDADE