O Cluster TIC reafirma a súa vontade integradora e de diálogo

luns, 20 de xuño do 2011 Fernando Sarasketa

A presentación da estratexia vindeira do Cluster TIC de Galicia, celebrada hai uns días en Compostela

A semana pasada ferveu de información arredor do Cluster TIC de Galicia, proceso en boa medida activado pola decisión da asociación EGANET, integrante até o de agora da plataforma, de abandonar este proxecto tecnolóxico-empresarial. Estes outros feitos motivaron a publicación dun comunicado no que o Cluster confirmaba a súa intención de seguir avanzando como “referente do sector” e de afondar no diálogo activo e na colaboración colectiva e integradora cara a este obxectivo. Pois ben, ao comunicado seguiulle, un día despois, unha nova reafirmación sobre os devanditos compromisos. Neste novo comunicado, o Cluster TIC subliña a súa “condición de proxecto integrador”.
Ademais de reconfirmar a súa intención de dar acubillo ás diferentes sensibilidades e de desenvolver ferramentas de cooperación que lles permitan as empresas galegas TIC ser máis competitivas e acceder a novos mercados, o Cluster TIC quixo subliñar tamén a súa vontade por contribuír á riqueza e á prosperidade da economía e a sociedade galega. “O Cluster”, explícase, “seguirá traballando na liña que marcan os seus obxectivos fundacionais, respectando, non obstante, a decisión daqueles que teñen decidido darse de baixa dun proxecto que naceu do esforzo e compromiso de todos, un proxecto que tivo un arranque complexo pero que está en pleno funcionamento, guiado por un Plan Estratéxico a tres anos con obxectivos claros e programas de actuación ben definidos”.
Sobre o futuro da plataforma logo da importante baixa de EGANET e as obxeccións propostas á súa viabilidade en tal estado de cousas, os responsables do Cluster aseguran no novo comunicado que a súa fortaleza e representatividade está garantida polo centenar de entidades que o integran, lexitimidade que “ten sido reforzada pola recente Asemblea Xeral Ordinaria, celebrada o pasado 8 de xuño, que aprobou sen ningún voto en contra tanto a xestión e as contas correspondentes ao exercicio 2010 como o orzamento e o Plan Operativo para 2011”.
O comunicado rematada facendo un novo chamamento ao diálogo e á apertura a tódalas sensibilidades posibles: “Dende os principios da democracia, a transparencia e a defensa do ben común, ten e terá as súas portas abertas a todos aqueles actores do eido das TIC de Galicia convencidos de que a cooperación e a suma de forzas é a chave do futuro, un futuro que esixe de todos a xenerosidade suficiente para deixar a un lado particularismos, mentalidades minifundistas e intereses persoais en beneficio das nosas empresas, da nosa economía e do noso país”.

PUBLICIDADE