Netflix estrea un plan destinado a móbiles na India

mércores, 24 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Netflix converteuse non grande referente do streaming audiovisual a nivel global, pero para conseguir manterse non cesa de reforzar o seu catálogo de contidos propios e explorar xeitos de incrementar os seus ingresos, e mentres nos mercados occidentais incrementan as tarifas dos seus plans máis completos dun xeito progresivo para detectar o prezo máximo que están dispostos a pagar os seus subscritores, en mercados emerxentes realizan innovacións como na India, onde veñen de estrear un plan destinado exclusivamente a móbiles, que ten un prezo de 199 rupias (2,59) ao mes. O resto de plans terían prezos de 499, 649 e 799 rupias/mes (6,49, 9,09 e 10,39 euros), ou sexa, que o plan máis caro aínda non tería subido de prezo como aconteceu en España (onde actualmente custa 15,99 euros/mes).
Este novo plan de Netflix para móbiles está limitado a unha única pantalla simultánea e só permite a reprodución de contidos en calidade estándar (medida que buscaría un menor impacto no consumo móbil).
Dende Netflix aseguran que a India é o país onde máis se consome o seu servizo dende móbiles, polo que ofrecer un plan específico para este tipo de consumo faríao máis accesible para que só quere gozar do mesmo dende móbiles e tabletas. De feito, a aplicación de Netflix para Android tamén recibiu actualizacións recentemente para facilitar unha carga máis rápida en smartphones básico (moi comúns na India).
Polo momento non parece que este plan móbil de Netflix vaia chegar a outros mercados, xa que o caso da India é moi específico, xa que alí Netflix está lonxe de ser a plataforma líder, xa que ten en Hotstar (compañía da Disney) un durísimo competidor, cuns 300 millóns de usuarios activos, que combina contidos de balde con publicidade con servizos de subscrición, e que hai un par de meses bateu a marca mundial de usuarios simultáneos nunha retransmisión en directo con 18,6 millóns de usuarios vendo o partido decisivo da Premier League de cricket. Amazon Prime Video tería menos de 30 millóns de subscritores na India, e Netflix aínda estaría por debaixo dos 2 millóns e subscritores (aspirando a superar os 4 millóns ao rematar o ano).

Vídeo promocional do novo plan móbil de Netflix

PUBLICIDADE