Lanzada unha plataforma para facermos reservas de amarres náuticos en tempo real

xoves, 14 de xullo do 2016 Redacción

Vén de chegar ao panorama das aplicacións e das plataformas unha ferramenta de especial interese para os seareiros dos deportes náuticos. Trátase de iAmarre, posta en marcha pola empresa estatal do mesmo nome co obxectivo de “transformar un sector analóxico como o náutico nunha nova contorna moito máis tecnolóxica e dixital”. Segundo fan saber os responsábeis do seu desenvolvemento, iAmarre permite ao navegante reservar en liña emprazamento nun peirao de atraque, e “facelo en tempo real e a distancia”. Tamén posibilita acceder a “unha completa guía de portos españois, sen ter que descargar unha aplicación”.
O funcionamento para poder reservar a praza no destino desexado, ben sexa a través do móbil ou outro dispositivo, consiste no seguinte: mediante un buscador, o navegante escolle o destino e realiza a súa reserva dixital de amarre “con total seguridade e garantía”.
A idea da empresa é emendar as perdas de tempo que adoitan vir da man das buscas dunha praza de atraque. Isto tamén é aplicábel aos portos, onde a tecnoloxía de xestión da que dispoñen “soe ser moi obsoleta”, sinalan os creadores da plataforma, que engaden que iAmarre é quen de axilizar e facilitar o proceso de xestión de atraques, “optimizando o tempo dos navegantes e incrementando a produtividade nos portos”. A tecnoloxía tamén salienta por fornecer unha comunidade náutica, co porto e os usuarios conectados. “A través da web, o usuario pode coñecer en tempo real toda a información relacionada co porto de destino, como por exemplo os diferentes servizos que posúe, tales como electricidade, auga, ou Wi-Fi, entre outros”, explican os impulsores da plataforma.

PUBLICIDADE