Jetpack facilita a creación de extensións para o Firefox

xoves, 21 de maio do 2009 Marcus Fernández

Os laboratorios de Mozilla continúan a traballar para que o Firefox poida dar máis de si, e a súa última creación é Jetpack, un engadido para o navegador que abre a porta a un novo xeito de escribir pequenas extensións para Firefox facendo uso de código Javascript dun xeito semellante ao que xa facía Greasemonkey (para cousas coma traducir automaticamente páxinas web ao galego) pero sen limitarse só a modificar o comportamento dunha única páxina web, e aplicándose a todo o navegador grazas a unha completa API.
Deste xeito, Jetpack permite facer extensións para o Firefox sen ter grandes coñecementos de programación e incluso sen precisar reiniciar o navegador para utilizalas tras a súa instalación. Esta nova solución aínda está arrincando, e dende Mozilla chaman á participación dos desenvolvedores para tirar proveito dela. Entendemos que cando madure o suficiente este proxecto, rematará integrándose totalmente no Firefox coma unha característica máis, podendo converterse no método preferido para a creación de extensións para o navegador de Mozilla.


Vídeo de presentación das posibilidades de Jetpack

PUBLICIDADE