Investigadoras do CITIC abordan a relevancia da muller na IA no MUNCYT de A Coruña

xoves, 8 de febreiro do 2024 S. P.

Dende Código Cero xa adiantamos que o MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia y Tecnología) da Coruña acolle hoxe, xoves 8 de febreiro, a sesión divulgativa Directo 11F. Conecta con Enxeñeiras Informáticas. Intelixencia Artificial, organizada pola Facultade de Informática da UDC (FIC) e o dito MUNCYT co obxectivo de visibilizar ás mulleres científicas, achegar roles femininos no eido da ciencia e fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as máis novas.
Así, nesta mañá investigadoras do CITIC están a participar neste encontro que se celebra co gallo de conmemorar o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, que será o 11 de febreiro. A acción divulgativa, centrada este ano no papel relevante das mulleres na Intelixencia Artificial (IA), está protagonizada por catro recoñecidas enxeñeiras informáticas e expertas en IA: Bertha Guijarro Berdiñas, Susana Ladra González, Verónica Bolón Canedo e Adriana Dapena Janeiro, que están a analizar dende os desafíos das novas tecnoloxías até a IA verde.
Este evento está dirixido a alumnado de Educación Secundaria e Formación Profesional e daba comezo hoxe ás 10:30 e remata ás 13:30 horas.
Bertha Guijarro Berdiñas, profesora Titular da UDC e investigadora do CITIC, era a encargada de impartir a primeira das charlas: Comprender a IA, na que falou sobre como e cando nace a Intelixencia Artificial, como se adestra, en que se asemella á Intelixencia Natural, entre outros aspectos.
A segunda intervención, que daba comezo ás 11:15h, terá ao ChatGPT como protagonista e ten a Susana Ladra como relatora. Ladra é enxeñeira e doutora en Informática, graduada en Matemáticas e profesora Titular da Facultade de Informática da UDC.
Ás 12h será quenda de Verónica Bolón Canedo, quen falará sobre Intelixencia Artificial Verde, afondará no concepto de IA verde, explicando como se poden crear algoritmos que sexan máis sostíbeis e respectuosos co medio ambiente. Bolón é enxeñeira en Informática e doutora pola UDC, onde exerce como profesora Titular e investigadora en Intelixencia Artificial no CITIC.
Por último, ás 12:45 horas, Adriana Dapena falará sobre IA para interfaces persoa-máquina. Saber se a IA pode cambiar o xeito en que as persoas interactúan coas máquinas. Dapena é enxeñeira en Informática e doutora pola Universidade da Coruña.
A finalidade da sesión divulgativa deste xoves coas catro recoñecidas expertas en IA da UDC é visibilizar as mulleres científicas, proporcionar roles femininos no ámbito da ciencia e fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as máis novas.

PUBLICIDADE