Intel podería ter chegado a un acordo para fabricar chips para Apple

venres, 8 de maio do 2026 Redacción

Apple e Intel alcanzaron un acordo preliminar para fabricar chips destinados a dispositivos da firma de Cupertino, segundo avanzou The Wall Street Journal. A operación suporía un importante respaldo para o negocio de fabricación por contrato de Intel e encaixa coa estratexia da Administración Trump de reforzar a produción de semicondutores en territorio estadounidense.
As negociacións entre ambas empresas prolongáronse durante máis dun ano e cristalizaron nos últimos meses nun acordo formal aínda inicial, segundo fontes coñecedoras das conversas citadas polos medios estadounidenses. A nova impulsou a cotización de Intel, que chegou a subir arredor dun 15 %, mentres que as accións de Apple tamén rexistraron avances.
O pacto permitiría a Intel asegurar unha fonte estable de pedidos dun dos maiores fabricantes mundiais de electrónica de consumo, fortalecendo ao tempo a súa credibilidade como fundición de chips nun momento no que tenta recuperar terreo fronte a TSMC, líder do sector. Non transcendeu que compoñentes concretos produciría Intel para Apple nin en que dispositivos serían empregados.
A Casa Branca xogaría un papel relevante na aproximación entre as dúas compañías. Segundo The Wall Street Journal, representantes da Administración estadounidense estiveron promovendo activamente que grandes firmas tecnolóxicas colaborasen con Intel para reforzar a industria local de semicondutores. Un funcionario citado por Reuters recoñeceu que o Goberno leva tempo tentando «xerar negocio para Intel», aínda que asegurou que o apoio non responde á participación accionarial estatal na compañía, senón á súa importancia estratéxica como fabricante estadounidense.
Apple depende actualmente de TSMC para a produción dos seus chips máis avanzados, mais a elevada demanda das liñas de fabricación da compañía taiwanesa por parte de empresas centradas na IA, como nVIDIA ou AMD, estaría levando a Apple a procurar alternativas e maior capacidade produtiva. Tim Cook xa advertira na última presentación de resultados de limitacións de subministración que afectaron ás vendas do iPhone.
O acordo tamén suporía un reencontro industrial entre Apple e Intel anos despois de que Apple abandonase os procesadores Intel nos Mac para adoptar os seus propios chips Apple Silicon.
Intel leva meses intensificando os seus esforzos para recuperar posicións no sector. A empresa pechou distintos acordos co Goberno estadounidense e recibiu investimentos de compañías como nVIDIA e SoftBank, mentres o seu conselleiro delegado, Lip-Bu Tan, impulsa unha profunda reorganización do negocio. Segundo as informacións publicadas, o secretario de Comercio dos EE.UU., Howard Lutnick, reuniuse en varias ocasións con directivos de Apple, nVIDIA e mesmo con Elon Musk para fomentar colaboracións con Intel.