GPUL abre a vindeira semana os seus Xoves Libres

xoves, 13 de marzo do 2014 Fernando Sarasketa

O Grupo de Programadores e Usuarios de Linux informa estes días da organización de novas actividades informativas e, por suposto, formativas. Actividades, claro está, xirando unha vez máis arredor da listaxe infinita de cousas que poden facer polo noso día a día os programas de software libre. Máis polo miúdo, estamos a falar dun novo ciclo de xornadas de difusión de programación e cultura sen cancelas que se agruparán baixo un título común: os Xoves Libres. Como curiosidade, sinalar que a primeira destas actividades celébrase un mércores (trátase do relatorio Navegando entre Webkit e Chromium/Blink), cousa que pon e manifesto que o open source non só rompe límites informáticos, senón tamén temporais.
Volvendo ao ciclo, dicir que se vai desenvolver ao longo de varias semanas, alternando mércores e xoves. Desenvolveranse tanto relatorios como obradoiros prácticos, dispoñendo da colaboración de varias empresas e profesionais do tecido galego de código aberto. O primeiro relatorio deste ciclo chega da man de Xabier Rodríguez Calvar (calvaris), socio e enxeñeiro da empresa galega Igalia, quen achegará aos asistentes ao mundo dos motores web libres no devandito relatorio. Máis polo miúdo, en palabras de GPUL, “afondará a súa experiencia en tecnoloxías libres de motores web, como son WebKit, motor web empregado por Apple nos seus produtos (Safari ...) e noutros navegadores do escritorio GNOME, entre outros, e de Chromium/Blink, fork de WebKit creado por Google para empregar nos seus produtos”.

PUBLICIDADE