GALPon empraza aos máis novos a crear un proxecto de automática sobre hardware e software libre

mércores, 19 de xuño do 2013 Redacción

Logo do éxito acadado cos Sábados Libres na Altamar adicados a Arduino e a RaspberryPi e levados a cabo por GALPon (Grupo de Amigos Linux de Pontevedra), a dita organización viu nesta idea un bo xeito de difusión da cultura libre en xeral e decidiu darlle continuidade cunha nova iniciativa a prol do espallamento do hardware e software libre entre entidades educativas e formativas da provincia de Pontevedra. Así o contaba Mancomún na súa web, dende a cal se daba paso á información máis detallada da proposta de GALPon. Estamos a falar dunha achega a xeito de colaboración para o desenvolvemento dun proxecto de automática ou robótica empregando hardware e software libre.
A axuda por parte de GALPon consiste: na cesión do hardware libre preciso para o proxecto até un importe máximo de 1.000€, no asesoramento técnico para un axeitado desenvolvemento na escolla do software a empregar e das licenzas a aplicar, na programación dos scripts, aplicativos ou programas necesarios. Amais disto -e en colaboración co Proxecto Trasno- ofrecerase axuda para unha correcta realización da documentación do proxecto e a súa tradución ao galego. E, no caso de o proxecto resultar gañador, a equipa recibirá un premio en metálico de 300€ e fará unha presentación pública do proxecto con feitura de obradoiro nun dos Sábados Libres na Altamar ou noutra actividade semellante organizada por GALPon.
Cómpre informar que poderá acceder a esta axuda calquera entidade rexistrada formalmente (coa súa sede social na provincia de Pontevedra) que teña nos seus obxectivos: a formación e/ou difusión da tecnoloxía ou o ensino nos graos de educación infantil, especial, primaria, secundaria obrigatoria, bacharelato e formación profesional (exclúese implicitamente a educación en graos superiores).
As solicitudes deberán enviarse a GALPon antes do 1 de outubro de 2012. Un xurado de técnicos de diversas disciplinas -nomeado pola Xunta Directiva de GALPon- analizará as propostas e acordará a cal delas se lles fornecerá o material preciso.
Para máis información cómpre visitar o wiki de GALPon.

PUBLICIDADE