Facebook trae o seu servizo de busca de parellas a Europa

xoves, 22 de outubro do 2020 Marcus Fernández

En 2018 Facebook anunciou que entraría no sector das aplicacións de citas, pero cun enfoque un tanto diferente, orientándose máis a relacións serias e non a encontros esporádicos, e aínda que este servizo tiña previsto chegar a Europa o pasado 14 de febreiro, problemas coa Comisión de Protección de Datos (DPC) de Irlanda adiaron o desembarco europeo de Facebook Dating até agora, cando chega oficialmente a España e outros países europeos até completar un total de 52 países nos que está dispoñible este servizo que en español responde ao nome de Parejas.
A funcionalidade de Parejas de Facebook está orientada ao móbil, e ofrece historias, eventos, grupos, citas virtuais (en vídeo) e unha opción bastante curiosa chamada Secret Crush que permite explorar relacións en potencia con xente coa que xa se ten contacto en Facebook e/ou Instagram, permitindo que elixamos até a 9 persoas de xeito que de darse unha coincidencia (ou sexa, que a outra persoa tamén nos elixiu como relación en potencia) recibiremos un aviso.
Dado que a busca de parella é algo moi persoal, desta sección de Facebook funciona de xeito separado (os nosos amigos en Facebook non saberán que estamos dados de alta de Parejas), buscando protexer a intimidade dos usuarios e ofrecendo numerosas opcións de seguridade para permitir bloquear a outras persoas ou incluso denunciar o seu comportamento.
Cómpre salientar que entre as linguas nas que poden configurarse os perfís de usuario do novo servizo están ausentes as linguas cooficiais españolas, o que pode ser unha importante eiva para a aplicación.

PUBLICIDADE