EGANET viaxa a Brasil para abrir vieiros de cooperación

venres, 30 de setembro do 2011 Raquel Noya

A asociación galega EGANET, na súa teima por levar alén das nosas fronteiras os produtos e servizos das súas firmas asociadas, vén de organizar un novo periplo tecnolóxico a Brasil, onde durante toda esta semana os seus representantes están inmersos nunha peculiar misión comercial TIC na que acadar novos contactos comerciais.
Mediante esta viaxe, que é a segunda que ten como destino o país suramericano, os representantes da asociación están levando a cabo reunións e conferencias con entidades do sector TIC do país emerxente, con vistas a acadar unha comunicación fluída cos seus representados e posibles colaboracións futuras.
A Asociación Brasileira de Empresas de Software (ABES), o Centro de Competencias de Software Libre (CCSL) ou o Instituto Brasileiro da Tecnoloxía da Información (IBRATI) son, entre outras, as institucións coas que a xunta directiva de Eganet está en plenas conversacións para establecer unha ríxida ponte entre o sector TIC galego e o brasileiro, “un sector ascendente e cun futuro envexable”, afirman.
Víctor López, Dani Cerqueiro e Alejandro Lamas, presidente, vicepresidente e secretario de EGANET respectivamente, son os encargados de abrir as vías de cooperación entre as empresas galegas e brasileiras, e desprazáronse ata o país curmán para achegarlles aos seus homólogos os proxectos de software susceptibles de ser xerados conxuntamente.
As entidades ofrecéronse para recibir as peticións de cooperación das empresas de EGANET e buscar entidades, e sobre todo, start-ups na Universidade de São Paulo, que poidan estar interesadas nesas colaboracións. Co obxectivo de conseguir conectar os dous panoramas empresariais dos países, EGANET estableceu unha canle permanente de comunicación coa Asociación Brasileira de Empresas de Software (ABES), a través da cal propiciar a colaboración e prestación de servizos cruzados entre as dúas asociacións, sobre todo o relacionado na internacionalización das empresas.
Por outra banda, os representantes da xunta directiva de EGANET mantiveron unha reunión co Instituto Brasileiro da Tecnoloxía da Información (IBRATI), unha entidade que, segundo afirman, “comparte con EGANET áreas de actuación como a divulgación e a difusión da formación nas novas tecnoloxías entre todos os sectores empresariais e da poboación”.
O IBRATI goza dun acceso a un holding de importantes empresas TIC brasileiras, que contan entre os seus clientes con empresas das máis importantes en todos os sectores, tanto brasileiras como multinacionais. Trala xuntanza, os responsables da entidade galega destacaron “o interese dos representantes de dito holding de empresas nas capacidades e na especialización das empresas de EGANET”.
EGANET aproveitará a viaxe para reunirse tamén cun bufete de avogados especializados en lexislación e temas relacionados coa implantación de empresas estranxeiras no Brasil, cun concelleiro do goberno da cidade de São Paulo, e co representante da oficina da Rede PEXGA (Plataformas Empresariais no Exterior) no Brasil, aberta recentemente.

PUBLICIDADE