Docentes participantes no Proxecto Europeo Efelcren, desenvolven ferramentas didácticas multimedia con software libre

venres, 3 de agosto do 2007 Raquel Noya

O proxecto educativo Efelcren (acrónimo da tradución ó inglés de “Entornos educativos flexibles e creativos”), financiado pola Comisión Europea e coordinado pola Universidade de Santiago de Compostela, vai abordar a análise e o desenvolvemento dun espazo de traballo colectivo que permita a creación e a validación en liña de materiais didácticos multimedia mediante ferramentas de software libre.
A finalidade desta iniciativa é que calquera profesor, poida aprender a deseñar obxectos de aprendizaxe dende calquera punto da xeografía europea, así como adaptalos ás súas necesidades e compartilos cos seus colegas de traballo e profesión.
As devanditas ferramentas, serán empregadas posteriormente en espazos de formación en liña de Educación Primaria e Secundaria para lograr as mellores estratexias posibles en materia de aprendizaxe electrónico; a iniciativa conta, non só coa participación de mestres e persoal especializado, senón tamén cun grupo de investigadores en didáctica e novas tecnoloxías, técnicos TIC e estudantes europeos que seguirán criterios didácticos comúns. Os materiais didácticos elaborados ata o de agora acadan máis de 80 obxectos de aprendizaxe multimedia sobre temáticas moi diversas que, unha vez avaliados, poranse á disposición da comunidade educativa a través dun Centro de Recursos en liña adaptado e implementado pola área de e-learning do Cesga.
Este centro de recursos contará tamén con información acerca das ferramentas de autor que permiten o deseño destes materiais e permitirá, entre outras cousas, categorizar os recursos, realizar procuras a diferentes criterios e importar e exportar materiais.

PUBLICIDADE